Site icon Crónica3.com A Mariña

A Pomba do Arco anima aos focegos a que acheguen as súas coplas para o Touporroutou

Foz 21-2-19. A asociación cultural A pomba do arco deu comezo a preparación dunha nova edición do Touporroutou, a tradicional cita do Antroido focego, que se celebrará o domingo 3 de marzo ás 21:00 horas no salón de actos do Colexio Martínez Otero.
O Touporroutou é unha actividade que arrancou en 1991 co obxectivo de recuperar a faciana máis crítica e heterodoxa do Antroido, abrindo un espazo a que os veciños poidan achegar as súas coplas e reflexións sobre a actualidade local. Ao longo de todos estes anos o Touporroutou recorreu diferentes espazos da vila, após arrancar na Praza de Mondoñedo a carón da Rúa do Mar, seguindo polo propio baile do Antroido, continuando polo bar do centro social, parando na Casa da Cultura até chegar o seu espazo actual no salón de actos do Colexio Martínez Otero.
O espectáculo do Touporroutou deste ano correrá a cargo como en anos anteriores do grupo Touporroutou teatro encabezado por Tono Neira que declamarán, cantarán e recitarán tódalas coplas populares entregadas polos veciños, contando máis unha vez coa colaboración das pandeireteiras da asociación A Subela e o grupo de musica os Kentaquis .
A asociación cultural A pomba do arco solicita por último a todos os veciños e veciñas de Foz a súa colaboración para que esta actividade poida seguir realizándose e nese sentido anímaos a que acheguen as súas coplas depositándoas nas caixas que a tal efecto están colocadas en diferentes bares e cafeterías da vila. Nesa ocasión a asociación deixou caixas no Acuario, na Ribeira, no Muelle Bar, no Lar, no Chicaro, na Eskina, no Barrilete, na Anduriña, na Pizzería Xoiña, no May Ros e no Pachán.

Exit mobile version