Site icon Crónica3.com A Mariña

A Secretaría Xeral para o Deporte achega nesta anualidade 46.000 euros para a mellora do campo de fútbol de Ribadeo

Ribadeo, 15 de febreiro de 2019.- A Xunta de Galicia ten reservada para a presente anualidade (2019) unha partida de 46.250 euros para colaborar coas obras de drenaxe e renovación integral do céspede do campo de fútbol municipal Pepe Barrera, de Ribadeo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe no propio estadio unha xuntanza coas directivas do Ribadeo Fútbol Club e da Sociedade Deportiva Ribadeo para explicarlles a proposta de colaboración que xestionará a Secretaría Xeral para o Deporte. Ambas entidades utilizan as instalacións, o primeiro en competicións oficiais e a segunda en categorías infantís, e foron as que trasladaron esta demanda ao Goberno autonómico.

Balseiro explicou que nos vindeiros días “porémonos en contacto co concello para articular as vías de colaboración”, dado que as instalacións son de titularidade municipal e a achega debe materializarse mediante un convenio ou acordo formal.

Esta é unha obra moi demandada polos usuarios “porque o terreo de xogo non está na mellor situación, así que en vista da boa acollida coa que recibiron esta medida esperamos non ter ningún problema co concello para poder materializala”, afirmou o delegado.

Balseiro asegurou que “estas achegas, sumadas ás que poderían incorporar outras administracións, farían posible acometer este mesmo ano as obras de mellora da drenaxe e a renovación do céspede, que son as máis necesarias”.

Neste sentido, destacou a importancia da colaboración institucional entre administracións para afrontar este tipo de proxectos, e subliñou a vontade da Secretaría Xeral para o Deporte de implicarse na mellora das instalacións deportivas, tanto propias como de titularidade municipal, para favorecer a práctica deportiva por parte dos veciños e veciñas.

Exit mobile version