Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Galicia financiará con 46.250 euros as obras de iluminación e reforma dos aseos públicos do campo de fútbol municipal Cantarrana de Viveiro

Viveiro, 16 de febreiro de 2019.- A Xunta de Galicia financiará con 46.250 euros as obras de iluminación e reforma dos aseos públicos do campo de fútbol municipal Cantarrana de Viveiro, que pretende desenvolver este mesmo ano.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe no propio estadio unha xuntanza coa directiva do Viveiro Club de Fútbol, que trasladou esta demanda ao Goberno autonómico, para dar conta da proposta da Secretaría Xeral para o Deporte.

Balseiro explicou que a intención da Xunta é financiar a mellora das torres de iluminación do campo de xogo instalando luminarias completamente novas, de menor consumo, o que incrementará o servizo respecto dos equipos actuais xa obsoletos e reducirá os custos enerxéticos. Na actualidade programábanse os partidos en horario diúrno ou a primeira hora da tarde para evitar a carencia de luz. Igualmente, e segundo as necesidades expostas polos usuarios, vaise acometer a reforma e modernización dos aseos públicos.

Convenio de colaboración
Para elo, afirmou o delegado, “porémonos en contacto nos vindeiros días co concello, titular das instalacións, para trasladarlles un convenio de colaboración dirixido a achegar esta contía económica”. Balseiro explicou que se trata “dun proxecto moi demandado polo que esperamos non ter ningún problema co concello para poder materializalo”.

Nova achega para o Viveiro CF
Balseiro tamén lembrou que este novo apoio súmase á instalación dun equipo de rego automático financiada pola Xunta o ano pasado, e vén a completar as melloras demandadas pola directiva despois de que Concello e Deputación non achegasen cartos.

“A Xunta tomou esta iniciativa, a de destinar esta inversión para acometer as obras, despois de que o pleno municipal rexeitase unha moción na que se pedía a Concello e Deputación colaboración económica con estas melloras pendentes. Desde a administración autonómica estamos dispostos a achegar este investimento”-aclarou Balseiro

Exit mobile version