Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinará este ano 433.000 euros a executar obras de mellora na estrada LU-161, que conecta Landrove e Ferreira do Valadouro

Viveiro, 26 de febreiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá este ano obras de mellora na estrada LU-161, que conecta Landrove (Viveiro) con Ferreira do Valadouro, ao seu paso polos concellos de Viveiro, Ourol e O Valadouro. O orzamento desta actuación é de 433.400 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe en Viveiro o proxecto técnico das obras de reforzo do firme, que afectarán ao treito entre Chavín (á altura do punto quilométrico 2,680) e As Lobeiras -pq 11,130-; e tamén ao percorrido entre os puntos quilométricos 14,990 e 16,000, en Santa María de Vilacampa (O Valadouro) .

A intervención consistirá en reparar as partes que presentan deterioro mediante fresados localizados e posterior reposición con mestura bituminosa a carril completo, ao longo de 9,5 quilómetros obxecto de mellora.

Segundo afirmou o delegado, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) -que depende da citada Consellería- licitará e adxudicará as obras nos vindeiros meses coa previsión de executalas este ano.

Balseiro salientou que esta actuación afecta a unha estrada que constitúe “unha das principais vías de conexión de Viveiro cos concellos do interior” e incidiu en que a Xunta “continúa mellorando as infraestruturas viarias da súa competencia, para garantir unhas comunicacións modernas e seguras e favorecer a calidade de vida dos usuarios”.

Exit mobile version