Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinou o ano pasado na provincia 1 millón de euros á asistencia xurídica gratuíta para “garantir o dereito fundamental de acceso á xustiza de todos os cidadáns”

Lugo, 31 de xaneiro de 2019.- A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinou o pasado ano en Lugo 1.032.100 euros a asumir os gastos da asistencia xurídica de persoas que acreditaron insuficiencia de recursos.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que este servizo pretende “garantir o dereito fundamental de acceso á xustiza de todos os cidadáns, consagrado na Constitución española”.

O Servizo de Xustiza e Administración Local estimou 3.929 solicitudes de persoas que demandaron asistencia xurídica de avogados, procuradores ou peritos ante distintas instancias pola quenda de oficio, na que colaboran os Colexios de Avogados e de Procuradores de Lugo. En concreto, o 85% do orzamento foi destinado á asistencia de letrados, o 9,3% á representación mediante procurador, e o resto á realización de probas periciais.

Na quenda de oficio participan 317 avogados nos nove partidos xudiciais da provincia: O da capital (que con 195 avogados rexistra o 61,5% do total), Viveiro (30 avogados), Mondoñedo (22), Sarria (21), Chantada (17), Monforte de Lemos (15), Vilalba (11), e A Fonsagrada e Becerreá (3 en cada caso). Igualmente, hai 81 procuradores de alta na quenda de oficio, 44 deles en Lugo.

Polo que respecta ás solicitudes tramitadas, o 65% corresponderon á xurisdicción penal, o 27% á civil, e o resto foro litixios nas xurisdiccións social, contencioso-administrativa e de menores.

Balseiro lembrou que de xeito xenérico teñen dereito á asistencia xurídica gratuíta os cidadáns españois, dos Estados membros da Unión Europea e outros estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.

O delegado subliñou que se trata dunha prestación “prioritaria para o Goberno galego, xa que se trata de facer efectivo o dereito de todos os cidadáns a obter xustiza para os seus dereitos e intereses lexítimos, e ser asistidos por un avogado cando o precisen, sen que a falta de recursos económicos poida dar lugar á indefensión”.

Exit mobile version