Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informa aos Concellos da provincia da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade, dotada con máis de 5,3 millóns de euros

Lugo, 12 de febreiro de 2019.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe en Lugo da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade dirixidas a entidades locais, que incrementa o orzamento con respecto ao ano pasado nun 16% ata superar os 5,3 millóns de euros.

Nunha xuntanza na Delegación Territorial á que asistiron representantes políticos e técnicos dos concellos lucenses, a Xunta deu a coñecer os distintos programas de apoio que no pasado ano supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros na provincia (en concreto 593.076 euros) e beneficiaron a 46 concellos lucenses, tanto para proxectos individuais como de xestión compartida.

A nova convocatoria, que vén de publicarse no DOG, incorpora como novidade unha liña de axudas para financiar accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero; está dotada con 800.000 euros.

O importe principal sigue sendo o que se destina ao funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres, 3.411.353 euros en total. Ao abeiro deste programa financiarase o persoal que traballa nos centros, concretamente os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero en relación coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco das actuacións que se desenvolven nos CIM. No caso de Lugo, os 11 centros que funcionan na provincia recibiron o pasado ano máis de 471.000 euros que contribuíron ao mantemento de 28 postos de traballo.

Outra das liñas con maior aceptación é a de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, que conta cun orzamento de 797.065 euros e está enfocada ás medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, coma por exemplo os bancos de tempo. 17 concellos lucenses beneficiáronse desta medida o pasado ano, por unha contía global de 116.728 euros.

Por último, mantense tamén o programa destinado á promoción da igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero, cun orzamento de 352.000 euros. Inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; ademais de actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

Proxectos compartidos
Poden beneficiarse destas achegas todos os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais, constituídos exclusivamente por concellos. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 8 de marzo.

Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

Con estas subvencións a Xunta pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación e difusión, así como tamén apoiar á Rede de Centros de Información ás Mulleres existentes en Galicia, para contribuír ao obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes.

Exit mobile version