Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta mantén a súa firme vontade de colaborar coa mellora do estadio Pepe Barrera e agarda pola resposta do Concello para formalizar o convenio

Ribadeo, 19 de febreiro de 2019.- A Xunta de Galicia mantén a súa firme vontade de colaborar coa mellora do estadio Pepe Barrera e confirma que xa deu traslado ao Concello de Ribadeo da proposta de convenio e da documentación necesaria para a súa sinatura. A administración autonómica agarda agora pola resposta do Goberno local para formalizalo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou que a Secretaría Xeral para o Deporte mantén o seu compromiso para colaborar con 46.000 euros nesta anualidade, que poden destinar á mellora do campo de xogo “ou a calquera outra mellora que precisen os clubs usuarios do estadio”.

Balseiro tamén insiste en manter a oferta pola que a administración autonómica asume integramente o custe de remodelación do estadio e explica que podería facelo coas achegas do Fodo de Cooperación Local que a Xunta destina ao Concello e que supera os 425.000 euros anuais.

“Se hai vontade por levar as obras adiante, a Xunta non será un obstáculo. E iso a pesar de que o alcalde pase todo o tempo enfadado, molesto ante cada proposta de colaboración por parte da administración autonómica”

A Xunta lidera o investimento en Ribadeo
Balseiro insiste en que a Xunta é, “con gran diferenza a administración que máis inviste en Ribadeo” pero aclara que o investimento de máis de 5,8 millóns de euros que a administración autonómica achegou a este municipio o ano pasado, “non inclúe, o pago de nóminas de colexios, institutos, centros de saúde ou centro sociocultural, malia que tamén son espazos sostidos pola Xunta”

“Suárez Barcia non se decata de nada. Falamos de inversión directa, en obra, en servizos en apoios á veciñanza de Ribadeo. E cando queira contrastamos todas as achegas” –dixo Balseiro quen insistiu en que “Hai que ser capaz de antepoñer o interese de Ribadeo, e das súas veciñas e veciños, por riba das estratexias partidistas. A Xunta sempre está disposta a facelo, e seguimos abertos a colaborar en todo o posible, tamén na mellora do Pepe Barrera que precisa dun arranxo urxente”

Exit mobile version