Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa agradece a asistencia á súa oitava Gala, celebrada no Parador de Turismo de Ribadeo na que se conmemorou o 30 aniversario da constitución da asociación

Ribadeo, 23 de febreiro de 2019. Acisa agradece a asistencia á súa oitava Gala, celebrada o venres no Parador de Turismo de Ribadeo na que se conmemorou o 30 aniversario da constitución da asociación. Noventa persoas participaron no evento, que contou coa animación musical do grupo xixonés La Malquerida.
A noite comezou cun photocall polo que foron pasando tod@s @s asistentes á Gala. A continuación, antes da cea, tivo lugar a quenda de intervencións da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, do presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e do presidente de Acisa, Francisco Iriarte, que iniciou o seu discurso cun recordo para Pablo Vizoso Iglesias, quen ocupou a presidencia da asociación entre 1992 e 1999 e que falecía recentemente. A sala dedicoulle un aplauso.
Logo chegou o momento da entrega dos galardóns a toda unha carreira a catro coñecidos empresarios, que se xubilaron nos últimos meses: José Luis Botana, de Calzados Botana, Carmen Valdés, de Perruquería Carmen, e Ramón Leivas, de Garaje San Andrés. Tamén recibiu un agasallo Ramona Reigosa, do Bar A Ribeira, que se xubilará proximamente. Os agasallos, figuras de Sargadelos, foron entregados polo presidente de Acisa, Francisco Iriarte, polo vicepresidente, Juan Andina, pola tesoureira, Manoli Torviso e por Rocío Pertejo, vocal da directiva da asociación.
Todos os galardoados agradeceron o premio, recoñeceron o traballo que realiza Acisa e animaron ao empresariado de Ribadeo a sumarse a este colectivo, que conta na actualidade con 162 asociados e asociadas.
A continuación tivo lugar a cea, que rematou coa actuación de La Malquerida, que xa animara varios momentos da velada interpretando diversas cancións, entre elas algúns coñecidos boleros.
Acisa fíxolles entrega a todos os asistentes dun agasallo conmemorativo do evento, de Galería Terra Branca. O evento foi conducido pola xornalista Carmen Cruzado.
Á oitava oitava Gala de Acisa acudiron o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Ramón Acuña, o deputado autonómico, Daniel Vega, representantes das Acias de Lourenzá e de Foz, así como concelleiros e persoeiros da vida política ribadense.

Exit mobile version