Site icon Crónica3.com A Mariña

Alumnas e alumnos de 3º da ESO do IES de Foz participaron na análise de cancións para a busca e substitución de mensaxes machistas da man do equipo de RETNOVA, empresa adxudicataria do programa CATUXA

Foz, 18 de febreiro de 2019. O programa CATUXA, de sensibilización sobre a violencia de xénero e a igualdade entre mulleres e homes destinado á poboación adolescente, continúa a súa andaina polos IES públicos da Mancomunidade da Mariña Lucense; onte foi a quenda do IES de Foz.
As alumnas e alumnos dun dos grupos de 3º da ESO do IES de Foz participaron este pasado luns na actividade do Programa CATUXA “Analizando e rompendo cancións: busca e substitución de mensaxes machistas”. Esta actividade consistiu na análise do proceso de socialización de mozos e mozas a través da música que escoitan, en moitas ocasións de maneira inconsciente, sen prestar atención ás mensaxes que transmiten e que van integrando.
Durante a dita actividade, o alumnado analizou polo miúdo o contido de vídeos de cancións para identificar mensaxes que reforzan os mitos do amor romántico e da media laranxa, e a desigualdade entre mulleres e homes, co apoio de expertas en igualdade e violencia de xénero do equipo de RETNOVA.
Mediante unha dinámica participativa, fomentouse a identificación de mensaxes con compoñente violento ou discriminatorio cara ás mulleres nas cancións, para que elas e eles mesmos chegasen á conclusión do tipo de relacións que se atopan detrás destas mensaxes e do “risco” que implican.
A finalidade desta actividade é concienciar ás e aos adolescentes da importancia de sentirse libres á hora de establecer relacións de parella e mellorar as relacións afectivo emocionais erradicando o mito do amor romántico e propoñendo letras alternativas.
O programa CATUXA aposta por promover modelos de relación entre mozos e mozas baseados na igualdade e a non discriminación e sensibilizar e informar á sociedade sobre a importancia da prevención da violencia de xénero para a súa erradicación. Isto implica comezar por romper, por exemplo, rutinas nas aulas que levan a unha colocación segregada de rapaces e rapazas. As próximas actividades do mes de febreiro terán lugar no IES Enrique Muruais de A Pontenova os próximos días 22 e 26; no IES Alfoz Valadouro, o 25 de febreiro; e novamente no IES de FOZ os días 25 e 26. Deste xeito, CATUXA vai chegando con diferentes accións ás mozas e mozos de 14 a 16 anos da Mariña Lucense.
Pódese seguir a actualidade do programa CATUXA en Instagran e Facebook: @programacatuxa.

Exit mobile version