García Porto avanzou que “o programa PROSCENIO está dirixido as compañías profesionais de teatro de carácter privado e con domicilio fiscal na provincia de Lugo. A través deste proxecto, que celebra a súa segunda edición, ademais de incentivar as compañías lucenses, contribuímos en mellorar a programación cultural, ofrecendo teatro profesional por toda a provincia, para que sexa asequible a todos os públicos”.
A Deputada explicou que “o calendario de actuacións de representación das compañías lucenses será dende o 4 de maio ata o 31 de decembro de 2019, e o caché de cada representación dependerá da tipoloxía e natureza das obras, que oscilarán como máximo entre os 4.000 e os 5.500 euros. Os Concellos ou Asociacións sen ánimo de lucro que desexen participar nesta iniciativa deberán aportar o 50% de cada actuación, e o restante correrá a cargo da Deputación”.
Ata o 13 de marzo para presentar solicitudes
García Porto informou ademais que, trala publicación das bases no BOP, todos os axentes interesados, tanto Concellos, así como as Asociacións e as compañías de teatro, teñen de prazo ata o 13 de marzo para presentar toda a documentación necesaria para participar neste proxecto. Ademais na web da Deputación, http://www.deputacionlugo.gal/, hai un banner con toda a información a complementar sobre esta convocatoria.
Balance 2018
Na pasada edición do programa PROSCENIO participaron un total de 6 grupos profesionais da Provincia que representaron un total de 11 obras. Foron concretamente 11 programadores os que participaron neste circuíto, 2 asociacións e 9 concellos, entre os que se repartiron un total de 16 actuacións, que se desenvolveron entre o 2 de novembro e o 29 de decembro do 2018. Deste xeito a programación de teatro profesional da Deputación chegou aos Concellos de Sarria, Pol, Monforte de Lemos, Triacastela, Quiroga, Pantón, Viveiro, O Vicedo e Lourenzá.
Comisión técnica
Para realizar o calendario de PROSCENIO, a Deputación constituíu unha comisión técnica que será encargada de analizar a presentación de solicitudes, tanto das peticións de actuacións nos diferentes Concellos e Asociacións, como as inscricións dos grupos de teatro de acordo co establecido nas bases deste convocatoria. Ademais, esta comisión tamén será a encargada de encaixar as necesidades dos Concellos, asociacións e dos grupos teatrais.