Isabel Rodríguez explicou que a actuación de Costas no Portiño de Morás
“é un importante proxecto ambiental e cultural co que recuperamos para o uso e disfrute de todos os veciños e visitantes unha zona singular de Xove, ademais de poñer en valor elementos emblemáticos da nosa historia industrial”.
A subdelegada informou de que esta mañá comezaron os traballos para a instalación de 8 dos dolos abandonados na zona onde se fabricaban inicialmente, para representar o seu proceso de fabricación. Trátase dun traballo especialmente destacado, que se prolongará durante dous días, dado que cada unha das pezas ten un peso de 53 toneladas. Para poder trasladalas e colocalas no lugar no que quedarán instaladas foi necesario contar con dúas grúas móbiles autopropulsadas de gran tonelaxe, de 130 toneladas cada unha, ademais dunha cabeza tractora con plataforma.Trátase dunha das actuacións incluídas no ambicioso proxecto etnográfico e medioambiental que leva a cabo en Xove a Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar, cun investimento de 360.544 euros.
Este ambicioso proxecto desenvolverase na zona situada entre as antigas baleeiras e o Portiño de Morás, que se vai acondicionar coa creación dun paseo peonil, a dotación dun novo acceso á praia e a posta en valor do pasado industrial desta zona.
O paseo peonil que se vai instalar será de madeira e contará con alumeado e mobiliario urbano. O paseo farase aproveitando o actual trazado da estrada que comunica a zona. O proxecto inclúe a construción dunha nova estrada, que terá un trazado distinto, situado algún metros cara o interior, para suprimir o tráfico rodado de toda a zona máis próxima á costa, que vai quedar reservado en exclusiva para o disfrute das persoas.
Esta actuación ambiental ten un destacado compoñente cultural, xa que está previsto completalo coa instalación de paneis informativos que darán testemuña do pasado industrial da zona, que tivo gran importancia para a economía da Mariña. Así, esta actuación aproveitarase para lembrar e poñer en valor as actividades relacionadas coa caza e comercialización de baleas, pois na zona houbo industrias baleeiras, e tamén coa fabricación neste mesmo lugar dos dolos, os elementos estructurais de formigón que se empregaron na construción dos espigóns do porto de Alcoa e que foron deseñados de xeito que se enlazaran entre sí a modo de puzzle para que puideran resistir a acción das ondas do mar.
As obras, que comezaron en decembro, teñen un prazo de execución de seis meses e a súa execución corre a cargo da empresa pública Tragsa.