Site icon Crónica3.com A Mariña

Axudas do Concello de Viveiro ao Viveiro FC

Viveiro, 19 de febreiro de 2019. Despois de que o Viveiro Club de Fútbol e a Xunta de Galicia anunciasen a concesión dunha subvención por importe de 46.250 euros para obras de iluminación e reforma dos aseos públicos do campo de fútbol municipal Cantarrana de Viveiro, dende o Concello de Viveiro queremos facer constar publicamente que nos alegramos profundamente de que a Xunta de Galicia conceda esta segunda subvención para mellorar as instalacións nas que xoga o Viveiro Club de Fútbol, pois supón unha mellora importante para esta edificación e para o deporte viveirense; tamén nos alegramos de que a Xunta de Galicia conceda a Viveiro esta axuda polo feito de tratarse dunha subvención extraordinaria, pois a este concello só se lle veñen concedendo as subvencións que por lei lle corresponden.

Evidentemente, dende o Concello de Viveiro vamos a realizar todos os trámites necesarios para a concesión desta subvención -como fixemos coa subvención concedida en 2018-, por que para iso estamos e por que o campo de fútbol é municipal.

Non vamos a entrar en valorar que o anuncio desta subvención se realice nun acto no que comparece a directiva do Viveiro Club de Fútbol, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo e concelleiros do Partido Popular, sen ter convidado ao Concello de Viveiro, pois aínda que a presentación máis parecía unha acto de campaña electoral, non podemos esquecer que ata o vindeiro 26 de maio este concello ten unha alcaldía que debería estar tamén presente nese acto.

O que dende logo non poido entender é que para xustificar esa axuda se minta, critique e menosprecen as axudas concedidas pola demais administracións. Quero lembrar, en primeiro lugar, a mellora realizada por este concello en 2009, a través do Plan E, por un importe de 60.000 euros para cubrir as gradas e realizar melloras nos vestiarios. Ademais destas actuacións, o Concello de Viveiro sempre atendeu as demandas da directiva do club e vén colaborando mediante a sinatura de convenios anuais e outras achegas destinadas ao pago dos autobuses para o transporte.

O Concello de Viveiro colabora, dentro das propias posibilidades, co deporte, primando o apoio ao deporte base como garantía de futuro, pero sen esquecer nunca calquera iniciativa que se leve a cabo neste ámbito. Cando o Viveiro Club de Fútbol atravesaba unha situación complicada, o Concello de Viveiro, realizando un esforzo importante, estivo aí; cando a directiva actual pediu ao concello o pago do transporte, a pesar de ter recibida xa a axuda anual correspondente, o concello aceptou. O Concello de Viveiro sempre entendeu que o Viveiro Club de Fútbol non podía desaparecer e fíxose o esforzo necesario para atender as demandas plantexadas.

En outubro de 2018 o Partido Popular presentou ao pleno unha moción para a execución de máis melloras no campo do Cantarrana; nese momento xa expliquei que o concello era consciente das necesidades existentes, pero que non era posible comprometerse tendo en conta que había outras demandas noutras instalacións deportivas que cumpría valorar, como por exemplo, no Cembedo, onde é preciso realizar obras nos vestiarios e na cantina; ou no pavillón municipal, no que xogan uns 240 nenos e nenas (entre baloncesto, balonman e fútbol sala) e no que xogan tamén as categorías superiores de baloncesto (que ten un equipo que ascendeu este ano pasado a primeira división nacional) e de balonmán (que ten un equipo en primeira autonómica, equivalente a terceira división de fútbol), no que é necesario actuar no parquet, cunha obra valorada nuns 80.000 euros; ou no campo de fútbol de Celeiro, no que xoga o Celeiro Club del Mar e agora tamén o equipo de rugby, sendo necesario a construción duns vestiarios. Isto demostra que hai moitas outras disciplinas, ademais do fútbol, que teñen grande importancia dentro do municipio e ás que tamén hai que atender.

O Concello de Viveiro colabora co deporte local ao longo de todo o ano, non só dous meses antes dunhas eleccións. Por este motivo, entendemos que é necesario facer públicas as axudas que se concederon ao Viveiro Club de Fútbol nos últimos anos e que sexa a propia veciñanza a que xulgue ao respecto (deixando claro que as axudas as que se vai facer referencia a continuación son as concecidas ás categorías superiores, aos adultos, do Viveiro Club de Fútbol, pois no Viveiro CF hai 270 fichas de nenos e nenas que practican o fútbol no campo municipal Marcos Gómez aos que o concello tamén brinda colaboración).

En 2015, o Concello asinou un convenio para conceder ao Viveiro CF unha axuda por importe de 14.000 euros; en maio fíxose un primeiro pago por importe de 8.000 euros. Tras o cambio de directiva e despois de ter comunicado ao concello a situación na que se atopaba o club, facendo alusión ao risco de desaparición, este concello realizou unha addenda ao convenio anterior, realizando en setembro de 2015 un pago de 26.000 euros, no que se incluía os 6.000 euros que non se pagaran da cantidade anterior e outros 20.000 euros, que corresponderían á anualidade seguinte e que se pagaban en 2015 para salvar a situación.

No momento de realizar a modificación do convenio de 2015, a directiva tiña claro que o concello se comprometía ao pago deses 20.000 euros como adianto da cantidade que tiña pensado subvencionar para o ano 2016 e que, polo tanto, en 2016 non lles correpondía ningunha axuda. A pesar disto, en 2016 a directiva do club solicitou novamente a axuda desta administración, aludindo novamente á situación na que se atopaba o equipo e solicitando a colaboración do concello para o pago dos transportes. O Concello de Viveiro atendeu novamente a súa petición e asumiu o pago de 8.259,90 euros en concepto de transporte do equipo na temporada 2015/2016.

En 2017, o concello asinou co club un convenio por importe de 20.000 euros, pagando nesa anualidade a cantidade de 18.000 euros en concepto de anticipo. En 2018, o concello asinou co Viveiro CF un novo convenio por importe de 10.000 euros; desa cantidade realizouse o pago dun anticipo por importe de 9.000 euros e pagáronse os 2.000 euros restantes da subvención de 2017. En xaneiro deste ano 2019, o concello realizou o ingreso dos 1.000 euros restantes da subvención de 2018.

Dende 2015, o Concello de Viveiro concedeu ao Viveiro CF axudas por un importe total de 72.259,90 euros. Para este 2019, o club solicitou ao concello a sinatura dun convenio por importe de 20.000 euros e mais o pago do transporte.

Considero que estas cifras demostran que o Concello de Viveiro leva anos colaborando co Viveiro CF e que, en ningún caso, se pode permitir que para publicitar unha axuda concedida pola Xunta de Galicia se menosprece a colaboración desta administración.

A alcaldesa,
María Loureiro García

Exit mobile version