Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro lembra a Suárez Barcia que a Xunta sostén os principais servizos públicos de Ribadeo e só en 2018 investiu 5,8m€ no municipio

Ribadeo, 17 de febreiro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, que a Xunta sostén con recursos autonómicos os principais servizos públicos deste municipio e afirma que só en 2018 investiu 5,8 millóns de euros nesta localidade.

“Os colexios e centros educativos de Ribadeo, a escola infantil, o centro sociocomunitario, o de saúde, o sostemento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, as principais iniciativas en materia de emprego –como os obradoiros-, as obras de maior contía na mellora de estradas e camiños municipais e outros espazos públicos, o financiamento das áreas de rehabilitación no municipio, … están sostidos ou teñen en recursos da Xunta o seu principal financiamento”

O delegado territorial desmonta así o reiterativo e falaz argumento que de xeito habitual utiliza o alcalde para desvirtuar o compromiso do Goberno galego co municipio, así como todas as achegas e apoios que desde a Xunta se lle prestan á veciñanza de Ribadeo.

“Suárez Barcia non só está desinformado, senón tamén que desinforma, é dos poucos alcaldes que actúa en contra dos intereses das súas veciñas e veciños, e lonxe de felicitarse e facilitar os investimentos que outras administracións realizan en Ribadeo, amósase perpetuamente enfadado e torpedea todo apoio da Xunta para presentarse como vítima dos seus propios boicots”

Balseiro conclúe que a autonómica é a administracións que máis inviste en Ribadeo, con gran diferenza sobre o goberno local e provincial, e sostén que si se paralizase un ano a inversión da Xunta neste municipio non sería posible soster os principais servizos, como mostra do peso específico que as achegas autonómicas teñen en Ribadeo.

Exit mobile version