Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro subliña “o dinamismo” do CIFP Porta da Auga, que recolleu un premio no Galicia Skills na especialidade de pintura e decoración

Ribadeo, 20 de febreiro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, gabou o dinamismo do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, que recolleu unha medalla de ouro na última edición dos premios Galicia Skills.

O delegado visitou as instalacións acompañado do director, Isidro Berdeal Díaz, entre outros. Alí tivo ocasión de felicitar persoalmente ao alumno gañador, Francisco Lombán, que participou na especialidade de pintura e decoración. Lombán é estudante do ciclo medio de Obras de interior, decoración e rehabilitación, único na provincia. Balseiro destacou que no conxunto da comunidade só hai dous institutos que impartan estas ensinanzas; “a especialización é unha das bazas que está a xogar a favor da formación profesional”, afirmou o delegado.

Ademais, Balseiro puido coñecer outros proxectos como o que desenvolven alumnos da rama de electricidade e electrónica coa vista posta nos premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da Formación Profesional, que tamén convoca a Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional. O instituto oferta dous ciclos nesta familia profesional: un de grado superior de sistemas eléctricos e automatizados e outro de grado medio de instalacións eléctricas e automáticas

O delegado incidiu na “firme aposta que está a facer a Xunta por modernizar, reordenar e impulsar as ensinanzas de formación profesional, o que nos sitúa como un referente en todo o Estado”.

O CIFP Porta da Auga “é boa proba dese esforzo”, engadiu. Actualmente ofrece ciclos nas ramas de Administración e xestión, Servizos socioculturais e á comunidade, Electricidade e electrónica, e Edificación e obra civil. En réxime ordinario dispón de cinco ciclos de grao medio e tres ciclos de grao superior, e en réxime de adultos de 29 ciclos de grao medio e catro de grao superior. Tamén realiza probas libres para dez especialidades.

Exit mobile version