Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña apoia e participará na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública o domingo 10 de febreiro ás 12,00 horas en Santiago de Compostela

Burela 1 de febreiro de 2019. Dende o sindicato nacionalista animamos ás traballadoras e traballadores a secundar esta manifestación para esixir unha sanidade de calidade e de proximidade, dotada de recursos humanos e materiais tanto na atención primaria nos Centros de Saúde, nos PACS, como na atención especializada no Hospital da Mariña.
Na Atención Especializada coa recente ampliación temos máis metros cadrados pero non máis e mellores servizos. Operacións que antes se facían no hospital da costa agora se derivan sistematicamente a Lugo ou Coruña. A implantación de marcapasos e cambios de pila dos mesmos a Lugo, operación de xeonllos a Lugo, prematuros a Lugo, as operación de fimose en nenos á Coruña, a ausencia dunha resonancia nuclear magnética fixa, etcétera… Con estas derivacións ben ao HULA ben a clínicas privadas o principio básico de unha sanidade de proximidade na nosa comarca salta polos aires.
E se isto pasa na atención especializada o que pasa na atención primaria non é menos grave. A ausencia de profesionais sen substituír converteuse no habitual, e a precariedade na contratación (nas poucas ocasións nas que se contrata alguén) é a norma xeral. Non se pode prestar unha asistencia sanitaria de calidade cando os profesionais teñen que asumir o traballo propio e o de compañeiros que non son substituídos.
O problema de pediatría na atención primaria tamén é moi grave ao deixar sen atención a nenas e nenos pola ausencia xustificada da pediatra de familia, no momento en que esta solicite un permiso , vacacións ou curse baixa médica, todos eles dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores.
Por iso animamos a as traballadoras/es e á veciñanza en xeral a volver a Compostela a berrar nunha soa voz que queremos unha sanidade pública de calidade e de proximidade.
Lembrar que dende CIG Saúde A Mariña poñeremos autobuses gratuítos para as traballadoras e traballadores. Vémonos o 10!

Exit mobile version