Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: “Lexitimidade constitucional”, por Pablo Álvarez Ramos

O conxunto sempre ten máis cualidades que a suma individual das partes.
Pero dito conxunto só pode ser unha suma voluntaria de partes libres, coma un matrimonio.
Europa e o seu mercado interior da UE naceu baixo a inspiración de principios liberais que fixaban un espazo onde os bens, os servizos, os capitais e as persoas poderían circular libremente, un lugar no que se podería vivir, traballar, estudar ou facer negocios con liberdade.
O experimento ía funcionando até que estalou unha nova crise e xurdiron novamente os escépticos e descreídos. A “xestión controlada” da inmigración era un novo eufemismo para definir a xenofobia.
Na Europa de hoxe hai moita xente pendente de que non lle movan os marcos. Por iso hai tanto euroescéptico.
O mesmo pasa en España.
Oriol Junqueras é un fulano gordiño, coitado, á boa fé; un tipo que estudou primeiro Económicas e logo Historia cando, formando parte do sindicato estudiantil, coñeceu a Neus Bramona. Oriol e Neus tiveron dous fillos: Lluc e Joana que teñen na actualidade 6 e 3 anos respectivamente.
Neus é mestra de primaria, aínda que se atopa de baixa laboral por enfermidade dende hai case un ano.
Junqueras está sendo xulgado polo Tribunal Supremo como autor responsable dun presunto delito de rebelión dos contemplados no art. 472 do CP.
A fiscalía xeral do estado solicita una pena de 25 anos de prisión para Oriol Junqueras aínda que o tipo xa levaba máis dun ano en prisión preventiva e, segundo el mesmo, estaba preparado para pasar unha longa tempada na cadea.
Todo o mundo está a seguir con expectación o xuizo do “procés” xa que, ao marxe de Junqueras, os Jordis ou Carme Forcadell, estase valorando a cooperación necesaria simbólica dos máis de dous millóns de cataláns que foron partícipes do referéndum do 1 O.
O rei Felipe VI manifestouse onte afirmando que non pode haber liberdade sen leis. E ten razón.
Como tampouco pode haber leis ou estado de dereito sen lexitimidade constitucional, é dicir, sen un respaldo ou apego por parte do pobo sobre o que recae a soberanía.
Bo punto de partida para consensuar un novo marco de convivencia.

Exit mobile version