Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito da xornada informativa sobre axudas e subvencións organizada pola asociación de Hostelería de Barreiros

Barreiros 20-2-19. 70 persoas asistiron á xornada organizada polas persoas que integran o colectivo de hostelería de Barreiros, que lograron reunir na mesma mesa a diferentes departamentos da Xunta, así como ao GDR Terras de Miranda. A idea desta xornada partiu do colectivo barreirense ao observar o amplo abano de posibilidades de subvencións e axudas que existen neste momento e das cales poden ser beneficiarias tanto persoas que traballan por conta propia como empresas.
A asociación considera a xuntanza como un éxito, dada a alta participación que houbo, o que dá mostra de que é un tema que esperta interese entre a xente. Axudar a difundir estes apoios considérano básico para que as persoas interesadas teñan máis coñecemento sobre as oportunidades que existen, e así, contribuir a reforzar o tecido económico tanto do municipio como do resto de concellos do arredor.
Cristina Sanz do IGAPE, Paloma Vázquez da Axencia Galega de Turismo, Rocío Rebolo do Servizo de Emprego e Economía Social, e Elena Martínez do GDR Terras de Miranda, foron as expositoras desde o punto de vista técnico, de todas as axudas e subvencións existentes. Na sesión tomou tamén a palabra o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, José Manuel Balseiro Orol. A asociación organizadora agradece a disposición de todas estas persoas para celebrar a xornada.
As poñentes facilitaron as presentacións empregadas, e foron agrupadas nunha carpeta de acceso público para calquera persoa que desexe consultalas. En dita carpeta está tamén dispoñible material informativo sobre outras axudas de outros departamentos ou organismos. Esta información pode consultarse accedendo á páxina de Facebook de “Hostelería de Barreiros”, ou ben solicitala por correo escribindo a hosteleriadebarreiros@gmail.com

Exit mobile version