Site icon Crónica3.com A Mariña

“Fernando Suárez prometeu crear novas prazas de aparcamento, pero cada vez hai menos”, por Daniel Vega

No programa electoral que presentou o señor Fernando Suárez no ano 2015 anunciaba a creación de novas prazas de aparcamento, o que parece de chiste! Será que se equivocaron de verbo e era quitar prazas de aparcamento; se é así podemos dalo por cumprido.
Tamén anunciaban que ían relanzar a actividade económica una vez rematada a tramitación do PEPRICH; e, claro, desta teñen desculpa porque non a remataron, así que a actividade económica tampouco mellorou nestes últimos anos.
Respecto ós viarios que se ían abrir: nin a rotonda dos Galos, nin a saída da autovía en Vilaselán, nin o terceiro acceso a Ribadeo no Covo desde a circunvalación. Seguían vostedes falando da construción dun paso subterráneo para acceder á nova zona comercial, pero supoñemos que despois da inauguración da semana pasada isto está desbotado.
Por certo, tamén reivindicarían o arranxo digno dos viarios titularidade doutras administracións. E así vemos o tramo San Lázaro-Ove (Fonte de O Cobo), que nin sequera ten beirarrúas polos dous lados, o que é moi perigoso nunha zona escolar e deportiva.
Noutro punto lese: “Seguiremos avanzando na implantación de novas tecnoloxías no alumeado público buscando o aforro enerxético”. Isto de aforrar é o que lle teñen que dicir ós ribadenses cando a súa parroquia ou o seu barrio está a escuras, que están buscando novas tecnoloxías.
Cando falan de limpeza de gabias, conservación do contorno dos ríos, da rede de camiños, locais sociais, pistas, … Nin feito a propósito se xuntan máis incumprimentos!!
O helicóptero que vostede pagou cos cartos de todos era para cumprir esta parte de: “favoreceremos a cooperación na xestión dos montes”. Vostede coopera cos donos poñendo multas e obrigando a cortar da feito; e cos madeiristas facendo que teñan que buscar con lupa os puntos de carga que vostedes levan prometendo en varias campañas electorais.
Falan vostedes de esixir á Xunta a renovación da rede de condución de auga e resulta que isto é competencia do Concello. Por que lle esixe a outra administración que faga o seu traballo?
Outro chiste é isto de mellorar a limpeza das rúas, xardíns, parques, … Brillan pero pola ausencia de limpeza.
O Plan de soterramento gradual de contedores é tan gradual que en 16 anos non hai ningún. O saneamento nas parroquias e praias do concello comeza sempre en precampaña, pena que non haxa eleccións todos os anos ou cada seis meses, para ver se así se acaba a rede de saneamento.
Ían buscar fondos europeos a través da Rede Natura. Cantos euros chegaron?
Ían colaborar cos centros educativos para concienciar ó alumnado na recollida selectiva. Menos mal que os educadores traballan con e sen recursos municipais, senón ningún pícaro sabería que hai que depositar en cada contedor. E para colmo abandonaron e pecharon o único centro de Educación Ambiental co que contaba o Concello: A Casa da Ría.
No último punto do programa, punto 110 din: “Colaboraremos na coordinación eficaz entre a Policía Local e a Garda Civil”. Só faltaba! O máximo sería que vostedes tentaran que os medios de seguridade non traballaran xuntos!
Acaban o programa dicindo que a súa palabra ten valor, que se fai realidade; pero o número de incumprimentos demostran o pouco valor que ten.
Daniel Vega (candidato do PP á Alcaldía de Ribadeo)

Exit mobile version