Site icon Crónica3.com A Mariña

II Certame de Curtas do Festi-Val de Cine Alfoz-Valadouro

Alfoz 24-2-19. O vindeiro 16 de marzo celébrase no Salón de Actos da Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” do Valadouro a final do II Certame de Curtas do Festi-Val de Cine de Alfoz e O Valadouro. Tres directores moi ligados á historia do noso Val presentan cadanseu traballo filmográfico para optar ós tres premios que se conceden: PREMIO Á MELLOR PELÍCULA, PREMIO DO PÚBLICO E PREMIO Ó MELLOR FILME DO VAL.

Matías Nicieza é home de cine e de radio. Leva traballado moitos anos nas emisoras de Radio Valadouro e Radio Burela e colaborado en multitude de filmes rodados no noso Val. Preséntanos un traballo titulado “Instrucciones para empezar a hablar gallego”, traballo no que colaboran como actores Cachín e Susi Paz, entre outros.

Paz Quiroga é unha activa profesora do Instituto Alfoz-Valadouro e gran actriz. No filme que presenta a concurso, titulado “O preguiceiro”, actúan multitude de alumnos do noso instituto que cursan a materia de Teatro. No traballo reúne unha serie de contos e lendas tradicionais da bisbarra.

José Ramón Leal é o propietario da tenda Terra Branca de Ribadeo, coa cal tamén realiza multitude de filmes e traballos cinematográficos. O ano pasado conseguiu o PREMIO Ó MELLOR FILME DO VAL coa película “As cinco marabillas do noso Val”. A súa fonda afección polo cine lévao a gravar multitude de reportaxes e documentais na rede, dos cales “O río”, a película que presenta a concurso, trata dun xeito poético do río Ouro, contando coa colaboración do poeta Paco Rivas.

Preséntovos a continuación as fichas técnicas destes tres filmes:

“Instrucciones para empezar a hablar gallego”.
PROTAGONISTAS: Antonio Jesús Lorenzo “Cachín”, Noé Fernández, Cristian Gómez, Alba Xea-da, Nuria R. Cuba, Sergio Alonso, Susi Paz.
GUIÓN: Matías Nicieza (segundo o relato orixinal de Séchu Sende).
CÁMARA: Matías Nicieza.
FOTOGRAFÍA: Matías Nicieza.
PRODUCIÓN: Bernardo Penabade, Matías Nicieza.
MONTAXE: Matías Nicieza.
MÚSICA: Pezas de arquivo de dominio público.
DIRECCIÓN: Matías Nicieza.
SINOPSE: Visión chea de retranca do proceso de iniciación na utilización cotiá do galego como lingua vehicular, feita a modo de parodia das curtametraxes escolares dos anos 50 e 60 do século XX.

“O río”.
PROTAGONISTAS: Paco Rivas, Mayra Flores.
GUIÓN: José Ramón Leal.
CÁMARA: José Ramón Leal.
FOTOGRAFÍA: José Ramón Leal.
PRODUCIÓN: Terra Branca Audiovisuais.
MONTAXE: Studio Terra Branca.
MÚSICA: José Ramón Leal.
DIRECCIÓN: José Ramón Leal.
SINOPSE: O río baña o Val, dende as súas orixes ata fusionarse co mar. No Pico da Frouseira, unha musa branca canta a toda esa beleza. O río inspira ao poeta, que lle recita uns versos. A vida crece ao compás da auga e da música. Contornas dunha maxestade perenne.

“O preguiceiro”.
PROTAGONISTAS: David Cao, Marcos Carreiras, Adrián Carreiras, Daniel Febrero, Juan Carlos Fernández, Ángela Freire, Iván Maseda, Catalina Nica, Óscar Pérez, Diego Valea, Marcos Bermú-dez, Ángela García, Melisa García, Sergio López, Ana Orol, Mencía Pardiñas, Martín Rodríguez, Alexia Rojas, Yeray Ruíz, Chaima Sabry, Noa Valea, Silvía Yáñez.
GUIÓN: Paz Quiroga (baseado no libro “Contos populares da provincia de Lugo”).
CÁMARA: Paz Quiroga.
FOTOGRAFÍA: Paz Quiroga.
PRODUCIÓN: IES Alfoz-Valadouro.
MONTAXE: Paz Quiroga.
MÚSICA: Jorge Olivera.
DIRECCIÓN: Paz Quiroga.
SINOPSE: O profesor de Galego encomenda aos seus alumnos a tarefa de recoller contos popula-res na súa contorna, pero Manuel, o preguiceiro, esquece facelo. Todos os rapaces van lendo as súas historias (“Os avisos da morte”, “As perdices do convite”, “Os dous homes con xoroba”, “Xan de Outeiro”, “A boticaria”, “A parva e as moscas” e “A nai de Luísa”) e cando, finalmente, a quenda lle chega a el, verase obrigado a usar o seu inxenio para saír do apuro.

Será, por tanto, no Salón de Actos do Valadouro, o vindeiro 16 de marzo, ás 20,00 horas, contando cun Xurado de luxo: Camila Bossa (actriz galega), Iago Villarino (cineasta de Cervo) e Adrián Canoura (cineasta burelés). Non podes faltar á cita, porque é a forma de conseguir que o cine do noso Val siga vivo.

Exit mobile version