Mondoñedo 22-2-19. As instalacións dun parque eólico en Sasdónigas teñen moi contrariados ós veciños propietarios do solo, por moitas razóns. Algunhas delas explícanse de seguido.
A beneficiaria do parque eólico, a lucense Norvento, valora os terreos moi por debaixo do valor real do mercado a través do establecemento dun dereito de superficie mediante un único pago que representa unha media de menos de 2 céntimos por metro cadrado e ano, e no contrato fixa cláusulas absolutamente abusivas e intolerables como é a posibilidade de hipotecar o ben ocupado, ou o dereito de ir o retracto en caso de venda.
Noutros casos, a mercantil lucense Norvento, e en pleno “fraude de lei” merca as superficies de parcela que nunca poderán ser elevadas a públicas nin rexistradas porque non acadan as superficies mínimas establecidas no marco legal que nos regula a tódolos galegos, por prezos que a noso xuízo calificamos de “usura”.
Norvento entra a tratar cos propietarios do solo pero non ensina nin permiten estudar os contratos ata que se teñen asinados, incluso, poñen a desculpa de que ten que ser asinado tamén por un representante da beneficiaria que non está nese momento, e polo tanto non se lle entrega unha copia ó titular da parcela, a pesar de ter xa o seu obxectivo conseguido.
As obras xa deron comezo na fase I, alegando que xa teñen asinado acordo con tódolos veciños, pero esquecéronse de moitos, ós que lles entraron nas súas leiras, sen acordo e sen permiso.
Os atentados contra o patrimonio cultural, ecolóxicos e medioambientais son terribles, esnaquizando todo o que atopan ó seu paso, causando danos que nunca poderán volver ó seu estado natural, irreversibles en definitiva. Esnaquizan lagoas como a da Cabrita, que casualmente preside o mes de xaneiro do calendario municipal deste ano 2019. Tapan fontes nas que bebe o gando durante todo o ano. Rompen o leito de turbeira existente. Tiran paredes de peches de fincas que forman parte da paisaxe e da fisonomía do territorio.
En definitiva, a mercantil Norvento de xeito prepotente, arrasa con todo o que é patrimonio público e privado e encima menospreza os titulares do solo con prezos de usura.
Asinado.: Carlos Maseda González, como representante dos veciños desconformes con esta sitaución de abuso.