Site icon Crónica3.com A Mariña

José Carlos Paleo, Presidente da Fcam, fai un balance positivo da xornada informativa sobre axudas e servizos destinados ás pemes, que se celebrou en Foz

A Mariña, 26 de febreiro de 2019. Un centenar de persoas acudiron onte no Cenima, en Foz, á xornada informativa sobre as axudas e servizos destinados ás pemes galegas. A cita foi organizada pola Xunta, que contou coa colaboración da FCAM e do Concello de Foz.
O presidente da Federación de Comercio A Mariña, José Carlos Paleo, agradece a asistencia a este encontro aos empresarios e empresarias mariñás e aos representantes das Acias da comarca, que despois da charla tiveron a oportunidade de participar nun networking cos poñentes que acudiron a este encontro: Sol Vázquez, directora xeral de Comercio e Consumo; Juan José Lirón Lago, subdirector xeral de Emprego; Curro López Martíntez, subdirector de Información do Igape; e Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria.
A intervención de Sol Vázquez estivo dirixida directamente ao comercio. Na súa exposición fixo fincapé nas axudas que o sector pode solicitar para a dixitalización dos seus negocios e para a ecoinnovación, tamén se referiu ás axudas para os mercados e prazas de abastos e para os artesáns. E aludiu a un proxecto novo no que está a traballar o seu departamento que é a dixitalización do tícket.
O conselleiro Francisco Conde dixo que estas xornadas están pensadas “para achegarse ao tecido produtivo de Galicia, para tentar trasladar a información relativa ás axudas coas que conta a administración galega e para ter un contacto directo co sector empresarial”. Conde sinalou que “a administración debe orientar os proxectos do mellor xeito posible”.
O alcalde focense, Javier Castiñeira, tamén agradeceu a asistencia a esta cita de onte, que se celebrou no Cenima, destacou o traballo e o saber facer das empresas mariñás e lembrou que seguen loitando despois de pasar por momentos complicados. Tamén acudiu a esta xornada o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
José Carlos Paleo, presidente da FCAM, fai un balance positivo da xornada sobre axudas e servizos para as pemes e anima “a aproveitar esas axudas públicas que nos expuxeron onte en Foz e a combinalas con outras coma as que recolle o convenio que asinamos na FCAM hai uns meses con ABanca para levar adiante os proxectos que lles permitan actualizar e ter á vangarda os seus negocios. É boa esa combinación pública e privada para financiar, investir e modernizar o noso comercio”.

Exit mobile version