Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 30 postos enchen a XXIX Festa da Androlla de Navia de Suarna, na que se venderán máis de 3.000 quilos deste produto

Lugo, 21 de febreiro de 2019. O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos a XXIX Festa da Androlla, que se celebrará neste municipio da Montaña Lucense o próximo domingo 3 de marzo, coincidindo co domingo de entroido. Fixérono acompañados por unha produtora, Mª Carmen Sánchez, que explicou como é o proceso de elaboración e cociñado da androlla. Trátase dun evento totalmente consolidado que se leva celebrando 29 anos, converténdose nunha das citas do entroido máis importantes da provincia, xa que move a unhas 2.000 persoas ao longo do día.

É tamén unha oportunidade única para promover a economía do municipio pois ademais de ofrecer 200 quilos de androlla de xeito totalmente gratuíto, poranse á venda uns 4.000 quilos de todo tipo de produtos do país, entre os que destacan uns 3.000 de androlla. Cómpre subliñar que a produción anual deste produto cárnico supera os 30.000 quilogramos.

A praza do Concello estará chea de postos, uns 30, nos que ademais de produtos cárnicos, destacan os de produtos como a tradicional rosca de Navia, queixos, cerámica, ourivaría, mel, navallas, artesanía e outros produtos da montaña luguesa. Cada ano, son máis os artesáns e produtores que quedan en espera pois o espazo existente énchese sempre ao 100%.

O Goberno da Deputación apoia a celebración desta feira, co fin de por en valor este produto autóctono e dinamizar durante a fin de semana a actividade no Concello de Navia.

O Alcalde, que agradeceu a colaboración da Deputación así como o traballo feito pola produtora, apuntou que “cada ano vén máis xente á Festa, superando as expectativas e vendendo todo os produtos. Non podemos pedir máis”.

O programa da Festa
10:00 horas: Pasarrúas a cargo dun grupo de Gaitas
10:00 horas: III Ruta da Androlla 4×4 no circuíto da Grandela
10:30 horas: Apertura de Stands e comezo da XXIX Festa da Androlla
13:00 horas: Degustación de Androlla na Praza da Vila
15:00 horas: Xantar Oficial
18:00 horas: Actuación dun grupo de Gaitas e Clausura da Festa

Exit mobile version