Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de tres mil asuntos pendentes nos xulgados de Viveiro

Viveiro 5-2-19. Ante o continuo desleixo da Xunta de Galicia cos xulgados viveirenses, vémonos na obriga de informar acerca dos datos estatísticos enviados ao Consello Xeral do Poder Xudicial tras o peche do derradeiro trimestre do ano 2018.
A folga da Administración de Xustiza galega paralizou durante máis de cen días os nosos xulgados e tribunais. Tras a sinatura do Acordo do Consello da Xunta que puxo fin ao conflito, o Goberno autonómico tardou outros seis meses en aplicar nos dous órganos xudiciais de Viveiro o “punto oitavo” dese documento:
«8. Plan de actuación e recuperación do traballo por causa das xornadas de folga.
Este plan de actuación por obxectivos elaborarase de común acordo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e coa Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma, o antes posible, coa finalidade de axilizar o traballo nos xulgados de tal maneira que, con respecto aos tempos procesuais determinados polas leis, se acurten os prazos de tramitación dos expedientes xudiciais.
Este plan de actuación por obxectivos procurará acadar, dentro do marco do acordado de conformidade co establecido no parágrafo precedente, a recuperación de, polo menos, o 80 % do traballo atrasado por mor da folga ou como resultado dela.
O seguimento, cumprimento e control dos obxectivos fixados no plan será efectuado e avaliado pola comisión de seguimento prevista no punto 12 do presente documento.
Este plan abarcará a totalidade das oficinas xudiciais de Galicia e todos os corpos ao servizo da Administración de xustiza de Galicia.»

Este Acordo ao que nos referimos foi ratificado pola Dirección Xeral de Xustiza, segundo a Resolución do día 28/05/2018 (Consello da Xunta do 24 de maio), e publicado no Diario Oficial de Galicia o mércores 30 de maio (DOG núm. 102, páx. 26551-26552).
Tras a burocracia que vimos de describir e cunha carga de traballo tan elevada como a dos xulgados viveirenses, o plan de actuación pregoado dende a Xunta de Galicia deberíase de ter posto en marcha inmediatamente despois da súa sinatura, a finais de maio. Pola contra, en Viveiro tivemos que agardar case seis meses para que se iniciara un pseudoplán que na práctica non é máis ca un novo episodio de propaganda institucional. Outra vez.
A pesar de toda a pantomima legal da publicación do Acordo do Consello da Xunta no DOG, o Goberno autonómico incumpriu sistematicamente a aplicación do “punto oitavo”. Tanto é así, que o único plan de recuperación que se autorizou en Viveiro foi dun montante total de 20 horas de traballo. É dicir, o Goberno da Xunta de Galicia considera que 20 horas adicionais son suficientes para a recuperación de preto de 1.000 horas que, lembremos, non se realizaron pero tampouco se cobraron. De feito, a minoración nas nóminas dos traballadores da Xustiza por causa da folga supúxolle á Administración galega un aforro de máis de tres millóns de euros.
A Xunta de Galicia estableceu de forma literal no famoso “punto oitavo” do Acordo para poñer fin ao paro xeral na Administración de Xustiza que «Este plan de actuación por obxectivos procurará acadar (…) a recuperación de, polo menos, o 80% do traballo atrasado por mor da folga ou como resultado dela.» Pois ben, as 20 horas das que constou o plan de actuación supuxeron en Viveiro a recuperación de menos do 10% do traballo atrasado, moi lonxe do 80% comprometido polo Goberno presidido por Núñez Feijoo.
Nos dous xulgados de Viveiro estanse a padecer agora as terribles secuelas dunha deficiente xestión política sostida no tempo, tanto no referente ao incumprimento do Acordo do Consello da Xunta como na ausencia de reforzos de persoal ou ampliacións de xornada para o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro. Todo isto conleva unhas consecuencias que se poden contrastar de xeito fidedigno mediante os datos incluídos nos boletíns estatísticos que foron elevados ao Consello Xeral do Poder Xudicial.
Resumo da ESTATÍSTICA CIVIL dos Xulgados de Viveiro:
Demandas pendentes de iniciar: 99 (Xulgado nº1) e 75 (Xulgado nº 2). TOTAL: 174 demandas.
Procesos contenciosos pendentes: 275 (Xulgado 1) e 319 (Xulgado 2). TOTAL: 594 procesos.
Incidentes pendentes: 48 (Xulgado 1) e 32 (Xulgado 2). TOTAL: 80 incidentes pendentes.
Dereito de familia: 65 (Xulgado 1) e 50 (Xulgado 2). TOTAL: 115 procesos pendentes.
Execucións civís: 1.134 (Xulgado 1) e 978 (Xulgado 2). TOTAL: 2.112 execucións pendentes.
Escritos pendentes de tramitar: 259 (Xulgado 1) e 257 (Xulgado 2). TOTAL: 516 escritos.
3.075 ASUNTOS CIVÍS PENDENTES NOS XULGADOS DE VIVEIRO A 31/12/2018
(NOTA: Estes números refírense á xurisdicción civil. No eido penal as causas non sofren atrasos significativos por tratárense de asuntos de tramitación preferente segundo a lexislación en vigor.)
O incumprimento sistemático do Acordo asinado polo Goberno da Xunta e publicitado no DOG está a provocar un retraso astronómico nas causas xudiciais presentadas no partido xudicial de Viveiro, un territorio que suma máis de 45.000 habitantes e comprende os concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz.
A ausencia dunha xestión certeira por parte da Administración autonómica, como xa advertimos noutra ocasión, afecta con especial crueldade ás vítimas da violencia de xénero que instan o correspondente procedemento civil de divorcio para desvincularse do agresor. Neste tipo de expedientes resólvese de xeito definitivo sobre a atribución do domicilio familiar, o establecemento dun réxime de custodia ou a concesión dunha pensión a favor dos menores. Así mesmo, nos expedientes de execución forzosa das sentenzas que se incumpren, o Xulgado de Violencia sobre a Muller adoita acordar o embargo do salario dos proxenitores obrigados ao pagamento da pensión cando infrinxen o seu deber, coa finalidade de asegurar a mantenza dos fillos. Velaí a importancia do cumprimento do plan de actuación que impulsou e asinou a propia Xunta de Galicia e que, polo de agora, quedou en papel mollado no que a Viveiro se refire.

David Díaz Garrote e Marco López López
Membros da Mesa Local Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero
en representación do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro

Exit mobile version