Site icon Crónica3.com A Mariña

Notas para un programa. En Marea Ribadeo (II)

Ribadeo 5-2-19. Seguindo cas nosas propostas programáticas, hoxe centrámonos nun aspecto que está no cerne da nosa razón de ser, herdanza directa do 15M: a procura de máis transparencia e máis participación. Coma sempre, agradecemos críticas e suxestións.

O Concello debera abrirse á veciñanza, ser áxil na resposta ás demandas cidadás, e fomentar a participación de todas no debate e nas decisión sobre todo aquilo que interese ó público. Presentamos alguhas ideas para mellorar o funcionamento do noso Concello nestes eidos:

– Información programada e sistemática, nidiamente separada da propaganda.

– Emisión en directo dos plenos municipais, quedando os vídeos na web municipal ó dispor da veciñanza. Difusión dun boletín dixital coas medidas e actividades mais salientables -acordos, xestións, convocatorias- desenvolvidas polo Concello.

– Creación dun Consello de Participación Cidadá con presenza daqueles colectivos que o desexen, cun un papel activo na vida municipal. A súa primeira tarefa será preparar antes da fin de 2019 un borrador de Regulamento de Participación Cidadá que estableza os mecanismos para implementala. Poderán crearse tamén Consellos de Área que traballen sectores coma a educación, igualdade, saúde, medioambiente, deporte, cultura, etc., facilitando o acceso á información e á participación das interesadas nas políticas municipais.

– Creación dunha radio veciñal de licencia municipal xestionada polo Concello, pero que reparta o tempo de emisión entre colectivos locais: asociacións culturais, deportivas, de mocidade, das parroquias, etc., que ó tempo informe e difunda a nosa cultura e dinamice a sociedade. Pensamos que será unha ferramenta de grande interese para os centros de ensino de Ribadeo.

– Posta en marcha de orzamentos participativos como teñen desenvolvido con grande éxito de participación os “concellos do cambio” en toda España.

– Co obxecto de animar tamén á participación no rural propoñemos a rotación do pleno municipal polas parroquias, a elección democrática de representantes das mesmas (alcaldes de barrio) e a participación das asociacións veciñais na decisión sobre os traballos, reparacións e melloras que o concello faga en cada parroquia.

– Cara as ribadenses do futuro, coidamos fundamental deseñar cos centros educativos un Plan de Educación na Participación, informando e debatindo nos centros temas do seu interese e competencia municipal, para ter unha veciñanza cada vez máis dinámica, esixente e comprometida.

– Como non cremos nas lindes, promoveremos tamén a transparencia e participación fóra do concello, empregando foros como Cidades pola Axenda XXI, e impulsando/creando ferramentas na Mancomunidade da Mariña ou na Reserva da Biosfera.

– Finalmente, pensamos que será convinte crear unha Concellería de Transparencia e Participación Veciñal, responsable de atender as peticións de información e de pór en marcha estas e outras ferramentas de participación das ribadenses na vida municipal.

GRUPO EN MAREA DE RIBADEO

Exit mobile version