Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Alfoz, Jorge Val, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, veciños e persoal do centro de saúde alfocense concentráronse este martes diante deste edificio para reclamar un servizo de pediatría para estes dous Concellos que a Xunta de Galicia eliminou

Alfoz, 19 de febreiro de 2019.- O Alcalde de Alfoz, Jorge Val, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, veciños e persoal do centro de saúde alfocense concentráronse este martes diante deste edificio para reclamar un servizo de pediatría para estes dous Concellos que a Xunta de Galicia eliminou. Actualmente, preto de 300 familias de Alfoz e O Valadouro están sen pediatra e teñen que desprazarse a Foz para ser atendidos por unha especialista. O PSOE advirte que debido ao elevado número de cartillas que ten a única pediatra (máis de 1.450 nenos entre os 3 Concellos) existe unha lista de espera moi elevada, provocando unha longa espera para unha consulta ordinaria ou quedando os nenos sen atender.

Os socialistas denuncian que o PP no goberno galego fixo recortes neste servizo sanitario ata suprimilo. Antes, Alfoz e O Valadouro compartían pediatra con Foz, o cal se achegaba aos centros de saúde dos dous Concellos 2 veces á semana. Agora, as familias teñen que desprazarse máis de 30 quilómetros a Foz para ser atendidos porque non teñen ningún especialista no seu ambulatorio.

Os Alcaldes do PSOE criticaron que levan 10 anos con este problema. “A Xunta sempre alardea da discriminación positiva para o rural pero nós sentímonos totalmente discriminados porque non é comprensible que entre os 2 Concellos non teñamos un profesional. Temos nenos suficientes para contar cun pediatra. Sempre que hai eleccións veñen os grandes responsables do Partido Popular prometendo que van a poñer un pediatra pero nunca fan nada. Estamos fartos, queremos unha sanidade pública, gratuíta e de calidade”.

Máis de 1.800 firmas reclamando o pediatra
Os Concellos de Alfoz e O Valadouro aprobaron por unanimidade varias propostas esixindo ao PP na Xunta de Galicia restablecer un servizo fundamental para as familias. O fixeron co aval de máis de 1.800 firmas de veciños que solicitaban dita prestación pero a Consellería de Sanidade nunca respondeu.

Exit mobile version