Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo inicia unha campaña de información polas parroquias para explicar as distancias regulamentarias que se deben cumprir en materia de prevención de incendios forestais

Mondoñedo, 11 de febreiro do 2019. O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, explica que o BNG presentou unha moción no pleno de febreiro de 2018 para que o goberno municipal emprendera unha campaña de concienciación polas parroquias e explicara, tendo en conta a Lei de Montes e a Lei de Prevención de Incendios da Xunta de Galicia, as obrigas dos particulares relativas á xestión das franxas perimetrais de biomasa nos terreos forestais e zonas de influencia forestal así como as medidas que vai tomar o goberno en caso de que non se cumpran.
“A moción aprobouse por unanimidade, e un ano despois a alcaldesa non foi quen de cumprir o acordo plenario”. O edil nacionalista apunta que o goberno municipal só foi capaz de recordarlle por carta á veciñanza que existen normativas de obrigado cumprimento e de distribuír un díptico, que a día de hoxe non está actualizado tendo en conta a Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2019, informando das distancias de plantación e das franxas de xestión da biomasa.
Eloi Cabanas aclara que antes de que remate o mes de maio é obrigatorio xestionar a biomasa no ámbito de todas as redes de faixas de xestión, incluída a retirada de especies arbóreas se é o caso, e se as persoas responsables de acometer estes traballos non o fan, expóñense á posibilidade dunha execución subsidiaria do concello ou ben da administración autonómica en función do ámbito súas competencias.
Cabanas recorda que o concello de Mondoñedo está adherido ao convenio asinado entre a Xunta de Galicia, Fegamp e Seaga no cal se establece un sistema público de xestión de biomasa nas franxas secundarias.
Segundo este convenio, o concello debe elaborar un plan básico de prevención de incendios no que debe incluír a delimitación das franxas de prevención dos núcleos de poboación e a identificación dos propietarios das parcelas afectadas.
Tamén está previsto que o concello abra un prazo para que os veciños que o desexen podan solicitar os desbroces bonificados a un prezo establecido de 350€/Ha.
“Faltan case tres meses para que remate o prazo establecido na Lei e aínda queda moito traballo por facer, por iso desde o BNG local tomamos a iniciativa de informar polas parroquias do concello co obxectivo de dar a coñecer á veciñanza a normativa de obrigado cumprimento en materia de prevención de incendios forestais”.

Exit mobile version