A resposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta remitida ao grupo parlamentar do BNG e publicada no BOPG, ao respecto do asolagamento en Xunqueira non aclara ningunha das preguntas feitas pol@s nacionalistas na Comisión permanente de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos sobre o estado do río que asolagou Xunqueira, sobre se tiña constancia a Xunta das denuncias d@s veciñ@s que advertían do tapón provocado por restos de desbroce na Ponte de Pedro Mestre, e de porque non levaron a cabo os traballos de limpeza do río, así como cales eran as medidas preventivas que ían impulsar para evitar que algo como o acontecido en Xunqueira se repetira.
O BNG de Viveiro acusa ao goberno autonómico do PP de querer eludir a toda costa calquera tipo de responsabilidade, da súa competencia en materia de conservación fluvial e limpeza de ríos, no asolagamento de Xunqueira que se levou por diante a vida dunha veciña e provocou numerosos danos materiais. E proba disto é, non só denuncian @s nacionalistas, a sorprendente resposta dada ao seu grupo parlamentar onde din que “ a Xunta aposta por traballar, da man do concello e demais administracións, para facer unha reflexión conxunta e global e poñer os medios necesarios para tratar de evitar que o sucedido en Xunqueira se poda volver repetir”, senón que tamén o proba a elaboración en tempo récord da instrución 1/2019, de 7 de xaneiro, para o establecemento de directrices técnicas de conservación fluvial de carácter ordinario e a súa publicación no DOG 18/01/2019, co fin de trasladar parte das súas competencias e responsabilidades aos concellos, indistintamente do seu tamaño e a súa capacidade ecónomica.