Site icon Crónica3.com A Mariña

O colexio Sagrado Corazón de Jesús, de Ribadeo, recibiu este venres, o 2º Premio de Innovación e Experimentación Pastoral, convocado por Grupo Santillana de Ediciones en colaboración con Escolas Católicas Galicia

Ribadeo, 22 de febreiro de 2019. O colexio Sagrado Corazón de Jesús, de Ribadeo, recibiu este venres, o 2º Premio de Innovación e Experimentación Pastoral, convocado por Grupo Santillana de Ediciones en colaboración con Escolas Católicas Galicia. Está dotado con 700 euros e foi polo traballo denominado A felicidade de darse, que recolle algunhas das experiencias de aprendizaxe-servizo que levaron a cabo alumnos do centro. O premio foi recollido pola directora titular do centro, sor Purificación García, e a coordinadora de Pastoral, Mercedes Eiros, este mediodía en Santiago. Por outra banda, o colexio celebrará unhas xornadas de portas abertas o luns e o xoves da vindeira semana.
A xefa de estudos do Colexio Sagrado Corazón de Jesús, Begoña Sanjurjo, explicou: “ao colexio Sagrado de Jesús, de Ribadeo, déronnos un premio por un traballo que se chama A felicidade de darse. É o segundo premio autonómico, consistente en 700 euros, dun certame que convoca Escolas Católicas a traballos de innovación e experimentación pastoral”.
Begoña Sanjurjo engadiu que “o noso traballo consiste nun resume de actividades de aprendizaxe-servizo que levamos a cabo no centro e nas que os nenos van adquirindo novas competencias e contidos, pero sempre utilizando técnicas e dándose aos demais, facendo algún servizo á comunidade, xa sexa aos seus compañeiros ou a outras persoas doutros estamentos da sociedade. Nosoutros facemos moitas actividades deste tipo, pero englobamos algunhas cando nos presentamos a este premio. Por exemplo facemos actividades co Centro de Día e co Asilo, a onde van os alumnos de 6º a facerlles compañía aos anciáns, a lerlles, facer obras de teatro e pasatempos con eles. Os de 4º de ESO colaboran co Centro de San Lázaro e San Pablo, de Mondoñedo, onde están residentes que teñen problemas intelectuais. Imos alí e facemos con eles actividades de informática, de movemento e manualidades, ademais de paseos polo pobo. O ano pasado, por exemplo, fixemos unha visita guiada por Mondoñedo. O resto das actividades son no centro, dos alumnos máis grandes cos máis pequenos, como o apadriñamento ao lector, nos que os maiores axudan aos pequenos a aprender a ler, ou alumnos que saben guitarra, por exemplo, axúdanlles a outros máis novatos”.
A xefa de estudos do centro subliña que “estas actividades son boas porque a persoa aprende a coller responsabilidades e a ser solidarios. Danse conta do difícil que é as veces ensinar, tamén collen soltura, desenvolven empatía co que ten dificultades e adquiren habilidades que son necesarias para a vida”.
Xornadas de portas abertas
Por outra banda, Begoña Sanjurjo anuncia que “este luns 25, en horario de mañá ás dez e media e de tarde ás tres e media, e o xoves 28 en horario de mañá, ás dez e media, imos facer unhas xornadas de portas abertas para que os pais que teñan interese poidan visitar o centro e ver como traballamos. Facémola neste horario para que sexa unha visita en momentos nos que hai nenos, para que os pais vexan como traballamos en distintos niveis. Facémolo polo interese dos que queiran entrar no noso centro, aos tres anos ou en calquera nivel, e tamén para que vexan o centro de arriba a abaixo porque cando unha persoa decide levar ao seu fillo a un centro escolar non o fai só polos primeiros anos de vida senón polo que ven a continuación. Queremos que vexan todo o centro e poderán preguntar calquera dúbida que teñan”.

 

Exit mobile version