O rexedor barreirense sinalou que “hoxe o que facemos é presentarlle á conselleira o traballo que se ten feito no Plan Xeral, como xa viñemos informando en todo este tempo que se estaba traballando. Evidentemente estábamos pendentes desta sentencia que podía cambiar algunha cousa. Saíu como esperábamos desde o primeiro momento, e agora toca seguir traballando neste PXOM. Haberá que facer a aprobación inicial xa no vindeiro mandato, tendo en conta que agora xa entramos nunha campaña electoral que é continua ata o día 26 de maio”.
Sobre as obras de humanización presentadas hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio, e Vivenda Alfonso Fuente explicou que “esta obra que presentamos e que se vai realizar era esa demanda, como dixo a conselleira, para executar esas beirarrúas, esa iluminación, que era moi necesaria sobre todo no entorno dos colexios, onde está o centro de saúde e o centro sociocultura, e tamén no colexio de San Miguel de Reinante. É unha obra que cremos que vai ser moi boa para todos os veciños, sobre todo nos cascos urbanos máis poboados, que son San Miguel de Reinante e San Cosme”. Na rúa Manuel Porteiro o investimento supera os 88.000 euros e nos accesos ao colexio de San Miguel os 29.000. Para xestión de residuos e seguridade van destinados 2.700 euros, segundo recolle o proxecto presentado esta mañá.
Pola súa banda a conselleira Ángeles Vázquez declarou que “dous son os motivos que nos acercan ao Concello de Barreiros. Por un lado, unha obra de humanización nunhas rúas que hai ao carón dos colexios, que era unha demanda que tiña posta enriba da mesa o alcalde e o seu equipo de goberno, e que agora chegou o momento da sinatura dun convenio no cal a Xunta de Galicia, dun importe de máis de 121.000 euros, aportará o 70% e o Concello o 30%. Son obras fundamentais para os veciños, de humanización e ao mesmo tempo de seguridade vial porque hai anchura de beirarrúas e cambio de baldosas, ao que hai que engadir o saneamento e a iluminación, que será a través de leds”.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén se referiu ao PXOM de Barreiros: “xunto con esas obras de humanización que son fundamentais, nun entorno ademais onde está a poboación continuamente, falamos de presente e de futuro, e dentro deles de dar seguridade xurídica a nivel urbanístico ás distintas actuacións que se poidan levar a cabo en Barreiros. Temos a boa nova de que este equipo de goberno seguiu traballando ao longo dun tempo no que non era doado porque enriba da mesa había unha sentencia e non estaba ditada, pero aínda así teñen agora mesmo o Plan Xeral de Ordenación Municipal redactado. Agora xa procede á súa aprobación inicial e poñer a Xunta de Galicia a disposición para todo tipo de dúbidas e para axilizar ao máximo posible dentro do que a lei nos ampara. E darlle aos veciños e ás veciñas de Barreiros esa seguridade e esa alegría, que ben merecida a teñen despois dunha serie de anos de parálise onde ninguén gañou”.