Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación achegou, no que vai de mandato, 155.000 euros para atender a 200 usuarios con Alzheimer da provincia

Lugo, 27 de febreiro de 2019. A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro, este mércores, no Pazo de San Marcos con representantes das asociacións de alzheimer e outras demencias da provincia. López Izquierdo puxo de manifesto o compromiso do Goberno da Deputación colaborando con todos os colectivos sociais lucenses que atenden este tipo de patoloxías, así como as súas familias. No que vai de mandato, o Executivo Provincial realizou unha achega económica de 155.000 euros, que lles permiten ás seguintes asociacións ofrecer atención profesional destinada á estimulación cognitiva e psicomotriz: AFA-Lugo, AFA-Monforte, AFA-Chantada, AFA-Viveiro e AFAN-Burela.

López Izquierdo sinalou que “a través desta xuntanza, poñemos en común as necesidades das asociacións de alzheimer da provincia. Dende o Goberno da Deputación amosamos a nosa sensibilización polas persoas que padecen esta patoloxía e tratamos de solucionar a falta de financiamento por parte da Xunta”.

Así mesmo, a Deputada destacou que “dentro da nosa aposta por unha Deputación social, rural e coas persoas poñemos o noso gran de area con todos os colectivos sociais que atenden a preto de 200 usuarios na provincia e as súas familias. Facémolo mediante unha importante achega económica para que reciban atención profesional, estimulación cognitiva, psicomotriz ou sensorial, obradoiros de memoria e traballos de linguaxe, co fin de mellorar a calidade de vida dos pacientes e as súas familias”.

As cinco asociacións de alzheimer da provincia atenden a preto de 200 usuarios: 95 en AFA-Lugo; 22 en AFA-Monforte; 45 en AFA-Chantada; 24 en AFA-Viveiro e 10 en AFAN-Burela. As actividades que realizan diríxense á estimulación cognitiva e psicomotriz para tratar de frear a dexeneración dos pacientes que padecen esta patoloxía. Coa a axuda dos equipos de profesionais formados por traballadores sociais, psicólogos, coidadores ou fisioterapeutas, entre outros; realizan obradoiros de memoria, ximnasia, talleres terapéuticos ou neuropsicoloxía individual, ademais de prestar asesoramento ás familias.

Exit mobile version