“Este Goberno actúa, non fai propaganda, os nosos proxectos reflictense no Boletín Oficial do Estado”, destacou Isabel Rodríguez ao referirse ao anuncio de formalización do contrato para a redacción dos proxectos do treito Burela-Foz, dos que se van encargar PK VEINTIOCHO INGENIERIA, S.L. e EPYPSA EYSER, S.A.
Isabel Rodríguez tamén destacou que con esta medida “o Goberno de Pedro Sánchez dá un paso máis para mellorar as comunicacións da Mariña e acabar así coa inxustiza que supón a falta dunha autovía que vertebre e axude ao desenvolvemento dunha das comarcas máis dinámicas social e economicamente da provincia de Lugo”.
A subdelegada do Goberno destacou que a redacción dos proxectos de trazado e construción do treito Burela-Foz é o segundo paso que dá este Executivo para avanzar na construción da Autovía da Mariña e lembrou que Fomento xa someteu a información pública o proxecto de trazado do treito Barreiros-Foz. Este proxecto ten unha lonxitude de 11,15 km, contempla a execución de tres enlaces (Barreiros, O Carme e Foz) e ten un investimento estimado de 241,4 millóns de euros.
A autovía A-74 permitirá dar continuidade á A-8, a través do corredor cantábrico da Mariña entre Barreiros e San Cibrao, de xeito que suporá unha alternativa á N-642, estrada que ten unha Intensidade Media de Tráfico superior a 11.000 vehículos diarios, con incrementos de tráfico significativos na época estival, na que se chega aos 15.000 vehículos ao día.
A construción desta autovía mellorará os índices de accesibilidade, capacidade e seguridade vial, ademais de potenciar a economía da comarca e da provincia de Lugo, dando unha óptima conexión aos portos de San Cibrao, Burela e Celeiro. Asimesmo, a súa construción vai mellorar os tempos de percorrido na costa lucense e a comarca da Mariña.