Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia a contratación por parte de Campos de máis persoal na Deputación esgrimindo “que se incrementa o traballo con motivo das eleccións”

Lugo, 21 de febreiro, 2019. O Grupo Provincial do PP denuncia a contratación dun auxiliar administrativo a través dun decreto asinado este mesmo mes no que o presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, reforza o persoal do seu propio gabinete esgrimindo que o fai por verse incrementado o traballo e a previsión de que se incremente aínda máis con motivo das eleccións.

Así o recolle o propio decreto:

“Vista a petición formulada pola Xefa da Unidade de Xestión Administrativa de Presidencia coa conformidade da Presidencia do 16 de xaneiro de 2019, que sinala sendo polo carácter urxente e inaprazable de contar co efectivo necesario PARA REFORZAR AO PERSOAL QUE PRESTA SERVIZOS NO GABINETE DE PRESIDENCIA, por verse incrementado o traballo que se desenvolve nel, A PREVISIÓN DE QUE SE INCREMENTE MÁIS CON MOTIVO DAS ELECCIÓNS e polas baixas de persoal ocasionadas, unha de forma temporal e dúas definitivas, entre elas unha xubilación….”.

Así, a Presidencia resolve:

1°.- Nomear á persoa que figura no sétimo lugar da listaxe de emprego temporal, como persoal funcionario interino, pola circunstancia de “existencia de praza vacante cando non sexa posible a súa cobertura por funcionarios de carreira”, (art. 10. 1. a) do EBEP); ao obxecto de prestar servizos de carácter temporal, como Auxiliar Administrativo/ adscrito ao GABINETE de PRESIDENCIA da Deputación Provincial de Lugo.

2°. – Formalización do devandito nomeamento, que terá efectividade de data 11/02/2019, que terá vixencia ata a cobertura definitiva da praza vacante no 959 ou ben ata que se decida a súa amortización ou deixe de ser necesaria a súa cobertura provisional; realizándose por escrito e de conformidade co disposto na vixente normativa aplicable.

Os populares consideran este feito denunciable, posto que o presidente confunde o traballo que debe facer o PSOE co que se debe facer na institución pública que, en ningún caso, debe vir condicionado pola celebración dunha cita electoral. O Grupo Provincial do PP considera “moi graves” este tipo de prácticas que lanzan unha mensaxe á sociedade de que a Deputación de Lugo está ao servizo dos intereses do PSOE na provincia.

O descaro máis absoluto
“A pasada semana soubemos da contratación pola porta de atrás de persoas afíns aos socialistas e do incremento do salario dun membro da executiva local do PSOE a través da Deputación. Pagan favores políticos con recursos públicos e non se ruborizan. E hoxe van un paso máis alá e xustifican unha contratación para o gabinete do presidente sinalando que hai máis traballo con motivo das eleccións, cando esa labor debe facerse desde o partido e nunca desde a institución provincial”, replican.

Desde o PP consideran esta maniobra “o descaro máis absoluto” en relación coa política de persoal que se está a levar a cabo por parte do PSOE na Deputación de Lugo, polo que lles piden que deixen de confundir o partido coa institución e non a empreguen para pagar favores políticos. “Se queren custear a campaña electoral e pagarlle aos traballadores a través dunha institución pública que debe estar ao servizo de todos os veciños e veciñas, non llelo imos permitir”, conclúen.

Exit mobile version