Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE apoia as reivindicacións dos sindicatos de Policía

Lugo, 20 de febreiro de 2019.- O PSOE apoia as reivindicacións do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Confederación Española de Policía (CEP), Unión Federal de Policía (UFP), Sindicato Profesional de Policía (SPP) e Sindicato de Comisarios de Policía (SCP) e rexeita a proposta de borrador do Concurso de Méritos 2019, no que á Comisaría Provincial de Lugo non se lle asigna ningunha praza. Así o trasladou o Secretario Xeral do Partido Socialista na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, que mantivo varias reunións de traballo con representantes sindicais.

En defensa dos intereses dos veciños da provincia, os socialistas lucenses reclaman a dotación de 10 policías, 2 oficiais e 5 subinspectores na Comisaría Provincial de Lugo, así como a implantación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR). Lugo é a única provincia galega que non conta con esta unidade.

Santos Ramos explicou que “trasladamos a nosa preocupación aos compañeiros no Ministerio do Interior e na Delegación do Goberno sobre a situación actual na Comisaría Provincial de Lugo. Este venres, terá lugar unha reunión entre a Dirección Xeral de Policía e os sindicatos lucenses para analizar o borrador e poder subsanar o déficit de efectivos policiais na provincia de Lugo. Necesitamos máis persoal de Policía na Provincia de Lugo para seguir mellorando na seguridade dos cidadáns e poidamos seguir sendo unha das provincias máis seguras de toda España”.

“Outra das demandas que dende o PSOE sempre reclamamos para a provincia de Lugo é a creación e dotación dunha UPR, como no resto de provincias galegas, para paliar a falta de efectivos e poder atender con garantías eventos como o Arde Lucus, o Resurrection Fest, o Caudal Fest, partidos do C.B. Breogán ou do C.D. Lugo, entre outras” subliñou o Secretario Provincial.

Proposta na Deputación
O PSOE presentou unha moción ao Pleno da Deputación cos seguintes acordos:

1.- Rexeitar a proposta de borrador do “Concurso de Méritos 2019” no que á Comisaría Provincial de Lugo non se lle asigna ningunha praza e insta á Dirección Xeral de Policía, dependente do Ministerio do Interior, á dotación de 10 Policías, 2 Oficiais e 5 Subinspectores, neste proceso.
2.- Instar á Dirección Xeral de Policía a crear de inmediato unha UPR, coma no resto de provincias galegas.
3.- Dar traslado do presente acordo tanto á Dirección Xeral de Policía como ao Ministerio de Interior

Exit mobile version