Os socialistas advertiron que estes veciños están sufrindo un prexuízo moi grave porque ante situacións de emerxencia, como pode ser un incendio ou unha complicación médica, os profesionais non poden acceder as rúas, tendo que desprazar todo o material necesario, a man, uns 400 metros. “Hai uns días unha veciña sufriu un grave prexuízo por ter que agardar máis tempo do necesario para ser reanimada porque os facultativos da ambulancia non puideron entrar co vehículo”.
Francisco Mon subliñou que “entendemos que cando se realizan unhas obras sempre hai incomodidades pero o Concello debe tentar minimizalas para que os cidadáns non vexan diminuídos os seus dereitos. E neste caso, o PP non está cumprindo pois os veciños que viven nas rúas da Aldea, Calabadexo e a Praza do Souto vense prexudicados posto que incluso os servizos de emerxencia non os teñen garantidos ao dificultar o seu traballo”.
“Isto responde a unha total falta de previsión e de organización do Partido Popular. Esiximos ao señor Villares que atenda, por unha vez, as necesidades dos veciños e deixe os seus intereses partidistas a un lado.” salientou o voceiro socialista.