Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz pedirá que se caduque a licencia do solar enfronte á casa da cultura, en mans da Sareb

Foz 25-02-2019. O recentemente aprobado PXOM de Foz marca unha serie de zonas dotacionais e verdes que deberían ser preservadas, a pesar das licenzas en vigor, en aras dun urbanismo sustentable e para que se respecte o acordado no plan xeral. A caducidade de licenzas é un instrumento propio dos concellos, que entra dentro da normalidade administrativa e esta avalado por diversas sentenzas do TS. Un destes espazos ou equipamentos aparece no solar enfronte da casa da cultura, cunha licenza en vigor propiedade da Sareb.
O grupo socialista espera o acordo unánime da corporación a esta iniciativa xa que o contrario suporía dar por perdido este solar e resignarse a que, nun futuro, se levante un edificio de cinco plantas, perdendo unha oportunidade única de preservar este espazo para o desfrute dos veciños e veciñas de Foz. Deixar a licencia sen caducar só serve para que a Sareb ou banco malo especule no momento da venta do mesmo.
As últimas reformas levadas a cabo na avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro fixeron que, dunha forma ou doutra, todos os grupos da corporación tomasen conciencia da necesidade de preservar devandito solar, que pode constituír unha bolsa importante de aparcadoiros que dea servizo ás rúas sinaladas, ademais da posibilidade de desenvolver alí outros equipamentos e achegar un novo lugar de esparexemento para a veciñanza focense.
Neste sentido, por exemplo, asistimos a propostas dalgún grupo da oposición para buscar financiamento para a compra dos devanditos terreos.- lembra o grupo municipal socialista.- Con todo- explican- temos unha licenza en vigor que, a día de hoxe, permitiría a construción en toda a superficie do solar, en todo o seu perímetro e con cinco alturas, conforme ás normas subsidiarias polas que foi concedida. É preciso, como primeiro paso para buscar solucións para a adquisición do solar, proceder á caducidade da licenza. Unha licenza concedida fai máis de dez anos para unha obra iniciada e paralizada, a nome dunha empresa que xa non existe, unha licenza que permitía a construción de tres plantas de sótanos e coa que se fixeron cinco, por tanto claramente ilegal e unha licenza que choca completamente coa normativa urbanística actual do recentemente aprobado PXOM que, só permite construír ao fondo do solar e dar catro alturas.
Danse, por tanto, as condicións adecuadas para a caducidade desta licenza, e sería lamentable que cando a maioría dos veciños de Foz están a favor do uso deste solar, desde a corporación, non se utilizasen todas as ferramentas dispoñibles para buscar unha solución satisfactoria aos intereses de todos.- considera o grupo socialista
Como exemplo podemos destacar que, recentemente, o concello de Cervo declarou a caducidade da licenza urbanística do esqueleto situado no campo da Atalaia e iniciou os trámites administrativos para lograr que a parcela recupere o seu estado orixinal.

Exit mobile version