O Xulgado de Violencia sobre a Muller foi excluido expresamente pola Xunta de Galicia da primeira fase do plan de actuación para a recuperación do traballo atrasado. Unicamente se incluiu ao Xulgado de Violencia sobre a Muller na segunda fase e cun montante total de 20 horas de traballo nada máis. Estas poucas horas, claramente insuficientes segundo o sentido común, foron asignadas para recuperar tres meses e medio de folga. É dicir, que das tres fases previstas pola Dirección Xeral de Xustiza, o Goberno autonómico incluíu a Viveiro só nunha delas.
Un ano despois do conflito laboral máis longo da nosa Historia, o Xulgado de Violencia sobre a Muller de Viveiro está a ser excluído dos plans de actuación e as ampliacións de xornada que outorga a Xunta de Galicia aos difentes tribunais galegos. A situación é tan seria e o descontento no sector xudicial é tan grande, que incluso os sindicatos asinantes do acordo que puxo fin á folga ameazaron hai uns meses á Xunta coa posibilidade de abandonar a Comisión de Seguimento.
Que o Goberno presidido por Alberto Núñez Feijoo bote balóns fóra, rexeitando atrasos en violencia de xénero no xulgado de Viveiro, é un novo síntoma de evasión das responsabilidades propias. Este volve ser un exemplo claro de negación da evidencia e terxiversación dos datos oficiais. Segundo as cifras que manexa a Consellería de Xustiza dirixida por Alfonso Rueda, parece ser que contan mentira os dous membros da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, contan mentira a Maxistrada e mais a Letrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller nos seus informes, tamén mente a Secretaria Coordinadora Provincial, mente o Tribunal Superior de Xustiza e mente o Consello Xeral do Poder Xudicial. Todo o mundo conta mentira, agás a Xunta de Galicia, que xa nos ten demostrado por activa e por pasiva que nunca falta á verdade.
Así mesmo, débese facer fincapé novamente en que a inmensa maioría dos máis de tres mil asuntos pendentes no eido civil son expedientes de execución forzosa das sentenzas que se incumpren polos demandados obrigados ao pagamento da pensión por alimentos. Velaí a importancia do cumprimento da totalidade do plan de actuación que impulsou e asinou a propia Xunta de Galicia e que, polo de agora, quedou en papel mollado no que a Viveiro se refire.