O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), comprobou hoxe o resultado das obras que finalizaron recentemente. De feito, o pasado venres, dotouse á estrada do pirixel no treito non urbano de resaltos termoplásticos sonoros, emprazados nas bandas que delimitan a calzada e cos que se busca, ademais de ofrecer unha maior visibilidade, que o son advirta de posibles saídas de vía aos condutores.
Con todo, as melloras executadas son moito máis amplas. Tamén no ámbito do reforzo da seguridade actuouse no treito non urbano na mellora das características superficiais do pavimento mediante a execución dun microaglomerado en frío que proporciona gran adherencia e evita deslizamentos. No treito urbano, onde existen beirarrúas, rehabilitouse o firme, co correspondente fresado e extensión dunha nova capa de rodaxe.
A Xunta tamén colocou dispositivos redutores da velocidade, entre eles novos pasos sobreelevados, e bandas transversais de alerta como medidas dirixidas a reducir as velocidades excesivas que se rexistran nesta vía. Reforzouse ademais a sinalización horizontal e vertical.
Reforma integral da avenida Benito Galcerán
A Xunta financiou así mesmo a mellora integral da avenida Benito Galcerán, neste caso coa modernización das beirarrúas existentes, que eran de formigón e que pasan a contar con lousa de granito gris, con unidade de imaxe con outros espazos céntricos de Viveiro.
A obra financiada pola Xunta e executada polo Concello con recursos autonómicos incluíu tamén a reposición da rede de saneamento, sumidoiros, e abastecemento de auga no tramo que arranca na oficina de turismo. Os traballos incluíron, a maiores, a mellora da iluminación pública nesta zona.
Segundo salientou o delegado, este apoio foi dirixido á modernización e posta en valor dunha does espazos máis concorridos do municipio, xa que este tramo permite comunicar o núcleo de Celeiro e o barrio de Pénajamo co resto da cidade, e serven como estradas de acceso e saída cara o co casco histórico de Viveiro, en especial como alternativa á estrada LU-862.