Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Saúde A Mariña chama ás traballadoras/es e a toda a cidadanía da comarca a participar na manifestación convocada para o xoves 28

Burela a 25 de marzo de 2019. A CIG-Saúde A Mariña chama ás traballadoras/es e a toda a cidadanía da comarca a participar na manifestación convocada para o xoves 28 de marzo con saída ás 19.30 horas do Hospital da Mariña pola Plataforma Sanitaria na Defensa da Sanidade Pública da Mariña baixo o lema ‘A Mariña pola sanidade pública. Aquí, agora e sempre’.
Sobran razóns para mobilizarnos contundentemente.
“E o que ten que facer o presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública da Mariña e escoitar as demandas dos mariñaos e das mariñás”, denuncian.
– Desmantelamento da atención primaria con falta de recursos humanos (persoal médico, pediatras, enfermaría, matronas, traballadoras sociais, PSX…) e materiais.
– PACs sen dotación adecuada de material e persoal, obrigando a que varios destes centros queden baleiros de persoal sanitario en moitas ocasións, ante a necesidade de ter que desprazarse para atender unha emerxencia.
– Abandono de menores e adultos ao quedar sen logopedia, fundamental para o seu desenrolo como persoas.
– Abandono de persoas con parálise cerebral e outras patoloxías ao rachar o convenio do SERGAS coa privada e deixar sen fisioterapia a centos de mariñaos e mariñás.
– Unha ampliación do hospital froito da presión e da mobilización social que supón máis metros cadrados, pero que non van acompañados de máis e mellores servizos nin de máis persoal. Como exemplos: a falta de resonancia nuclear magnética fixa, a falta da consulta de enfermaría de oncoloxía, a falta dun ortopantomografo para facer radiografías dentais e evitar desprazamentos a Lugo, a falta dunha consulta de cirurxía vascular, a imposibilidade de facer densitometrías, electroencefalogramas ou electromiografías aumentando as derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña non só para probas diagnósticas, tamén para intervencións cirúrxicas.
– Privatización de servizos como mantemento, historias clínicas etcétera.
Para o sindicato nacionalista, esta, e non outra, e a verdadeira sanidade de Feijóo. Mentres o PP defende que está a realizar unha magnífica xestión, un discurso soberbio e frívolo cando se xoga coa saúde das persoas. Ou como afirman agora “facemos o que podemos”.
“Pois non, señor Feijóo, o que está a pasar non é froito dunha fatalidade nin dunha maldición bíblica, é froito de todas as decisións do PP destes anos e dunha política de recortes continuos que ten consecuencias. Vémonos o 28!”, conclúen.

Exit mobile version