Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG volve gañar as eleccións sindicais no Concello de Ribadeo e renova a maioría absoluta no comité

Ribadeo, a 21 de marzo de 2019. A CIG gañou de novo as eleccións sindicais celebradas este mércores no Concello de Ribadeo, renovando así a maioría absoluta que tiña no comité de empresa. A candidatura da CIG obtivo catro dos cinco delegados/as que se elixían entre o persoal laboral, mentres que a lista da CSIF (que só presentou candidatura no colexio de especialistas) logrou un representante.
A representación da CIG no Concello de Ribadeo subliña a alta participación nestas eleccións e agradece o apoio e a confianza depositada polas traballadoras e traballadores á candidatura da central nacionalista, que segue a ser a forza máis votada entre o persoal laboral.
Neste senso, os delegados e delegadas da CIG amosan a súa satisfacción polo resultado obtido, xa que se incrementou a porcentaxe de votos recibidos con respecto a procesos anteriores en máis de dez puntos (pasando do 74% no ano 2015 ao 86% deste 2019), o que avala a liña de acción sindical e o labor desenvolvido nestes últimos catro anos. Estes resultados tamén reforzan o compromiso da CIG na defensa e mellora dos dereitos das empregadas e empregados do Concello e na loita por un servizo público de calidade.

Exit mobile version