Este libro é un importante elemento de promoción da gastronomía lucense. Os produtos da provincia son un valor en alza que contribúe a impulsar a economía en toda a provincia e a atraer cada vez a máis visitantes. Así, este dicionario recolle a ampla variedade de produtos gastronómicos galegos e detense tamén no legado lucense, para percorrer a súa historia, a súa tradición no territorio e as súas distintas formas de elaboración.
A publicación dedica varios espazos ao grande abano de produtos elaborados na provincia con selo de Calidade, selo de Indicación Xeográfica Protexida e Denominacións de Orixe Protexida. Así, recolle a evolución gastronómica da pescada do pincho de Celeiro, ou do bonito de Burela, entre outros produtos do mar. Do interior, fai mención ao butelo da Fonsagrada ou á androlla de Navia. Destaca alimentos da horta lucense, como os grelos ou o pemento de Mougán; as catro Denominacións de Orixe Protexidas para os queixos; os distintos tipos de pan, ou os viños da Ribeira Sacra e os licores e augardentes de Portomarín.