O alcalde, Alfredo Llano, e presidente da Fundación Expomar contou que “tivemos unha reunión ordinaria para ir mirando o que se está logrando para esta nova edición de Expomar que se vai celebrar do 9 ao 12 de maio. Hai que ser optimista porque a estas alturas xa está practicamente todo rematado, contamos cunha boa presenza de expositores e tamén para as xornadas técnicas e o encontro empresarial. Ademais vaise celebrar aquí en Burela o pleno do consello galego de pesca, paralelamente á feira”.
O rexedor explicou que “hai xa confirmados máis de 120 stands e temos máis de 300 marcas representadas. A inauguración será o día 9, coa conselleira do Mar, sobre a unha e media do mediodía. Tamén ampliamos a superficie de ocupación, antes víñanse empregando 3.500 metros e este ano van ser 4.000 metros os que se van aproveitar para facer unha boa exposición”.
Llano dixo que “as xornadas técnicas, que en principio ían ser só o xoves, imos facelas o xoves e o venres polo seu interese. Entre os temas que se van tratar haberaos de ámbito social e de xestión pesqueira. No ámbito social imos ter a presentación dun estudo sociolaboral da flota de Burela, que pensamos que é extraordinario e vai ter moita importancia nesta feira. Tamén se vai tratar o plan estratéxico de Cepesca no ámbito social, outro será os piares de sostibilidade da pesca e a dimensión social da pesca na política común”.
Llano engadiu que “con respecto aos temas de xestión pesqueira, que se abordarán o venres, farase unha análise da posta en marcha dos plans de xestión, tratarase a visión do sector pesqueiro que teñen os seus representantes, e as novidades sobre o Brexit e a repercusión que pode ter sobre o sector pesqueiro. Finalmente falarase de reflexións a onde vai a xestión pesqueira, verase que pasa coa política pesqueira común e cara onde van as obrigas e os caladoiros, etc. O encontro empresarial vai ser na mañá do venres e paralelamente imos ter o pleno do consello galego de pesca”.
Para o alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar “no seu conxunto vai ser unha feira exposición náutico pesqueira moi importante. Pensamos que é agora unha das máis notorias de todo o estado español pola calidade dos seus stands e pola presenza de moitísimas novidades con respecto á pesca. Despois están as xornadas técnicas que consideramos que son interesantísimas, actuais e para aquela xente a que lle preocupa o sector náutico pesqueiro. E tamén temos o encontro empresarial, que sempre saca unhas conclusións que son realmente importantes para o sector, e contamos con algo importantísimo este ano como é o pleno do consello galego, que ofrece unha importancia complementaria para a feira Expomar”.