Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense presentou este venres o seu novo logo, imaxe na que teñen protagonismo a costa e o interior da comarca

Foz, 15 de marzo de 2019. A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense presentou hoxe, venres, o seu novo logo, imaxe na que teñen protagonismo a costa e o interior da comarca. No acto, celebrado en Foz, participaron o presidente e a xerente turística do ente supramunicipal, Alfredo Llano e Tania Hermida, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. Tamén asistiron representantes de varios concellos da Mariña. O logo que se deu a coñecer esta mañá representa á Mancomunidade e ao xeodestino da Mariña Lucense. A renovación fíxose co apoio da Axencia de Turismo de Galicia.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, explicou que “na Mariña somos 16 concellos, dos cales 8 están no litoral e 8 no interior, polo tanto teñen que estar representados a montaña e o mar e as singularidades que se poidan introducir. Isto era case unha necesidade porque levábamos moito tempo co logo anterior e sempre é bo renovar e aportar algo novo para dinamizar e facelo máis vistoso”.
Alfredo Llano engadiu que “nos últimos catro anos intentamos dinamizar o máximo posible os servizos da Mancomunidade. Agora mesmo temos en marcha dúas cousas que me parecen moi importantes: unha delas é o plan integrado de emprego, que está tendo un éxito extraordinario coa xente que está aí traballando; e tamén estamos co programa Catuxa, polo que levamos un premio da Xunta e no que estamos traballando en conxunto con todos os concellos e con todos os institutos e colexios da Mariña para unha maior integración é igualdade, que tamén é importante. No plano do turismo, dentro das nosas atribucións, estamos facendo o que podemos, pero penso que se está notando unha mellora. Agora temos á xerente, Tania Hermida, e nótase a súa presenza. Estamos intentando dinamizar e poñer no mapa A Mariña, xa se vai notando, estivemos en Fitur e imos a todas as feiras que podemos, todo pensando no que é mellor para os concellos que conformamos A Mariña. Temos que tratar de explicar ben que este é un xeodestino común, é unha comarca na que debemos ir todos unidos para o seu desenvolvemento, canto mellor sexa esa unión máis vai favorecer o coñecemento da comarca, polo tanto é bo traballar nese senso”.
Tania Hermida salientou que “p que se presenta hoxe aquí é o redeseño do logosímbolo que identifica ao xeodestino da Mariña Lucense e da Mancomunidade, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, para poder traballar pouco a pouco, cunha imaxe corporativa definida o que se transmite da Mariña Lucense como destino turístico. Non se pretendeu desbotar o traballo feito ata este momento en canto a imaxe, se non actualizar o que tiñamos, darlle un toque renovado, un redeseño co que dar notoriedade ao destino cun logosímbolo que manteña sempre a mesma aparencia, pero cun aspecto renovado; mellorar e matizar a personalidade que se quere proxectar; inspirar máis confianza, interese e dinamismo cunha versión que integre os distintos elementos; consolidar a imaxe como destino turístico e elevar o síntoma de pertenza dos veciños e veciñas”.
A xerente de Turismo da Mancomunidade comentou tamén que “en palabras de Eva Veiga Buide, deseñadora que se encargou deste traballo que se escusa de non poder estar nesta presentación xa que non lle foi posible asistir por motivos académicos e profesionais, a imaxe gráfica presentada non é máis que unha evolución da primixénea, que foi sometida a un proceso de adaptación onde se simplificaron, na medida do posible, as formas para integrarse entre elas. Se deconstruimos o concepto do logosímbolo do que partíamos, decatámonos dos valores que transmite: por un lado, e coa parte tipográfica, dinamismo, proximidade, autenticidade e incluso artesanía e todo o relacionado co manufacturado, pois a estética que presenta é caligráfica; por outro, fala do mar e o campo, redunda no concepto con iconas e apoiase coa cromática. Partindo da idea de que a Mariña é iso, costa e interior, dinamismo, proximidade e autenticidade, tratouse de, nunha mesma líña de creación, para unha fácil identificación e para contar cunha continuación representativa, reestruturar a disposición dos elementos e darlles un toque renovado. Así, aproveitouse para engadir a cor vermello terrizo e o concepto de montaña. Pois, se A Mariña Lucense e costa e interior, porque representala só co campo? Deste forma, cohesionouse a estrutura do logo, facéndoo mais homoxéneo e integrando a parte icónica na tipográfica, fusionándose e funcionando, a súa vez, como ambas”.
Hermida rematou comentando: “atopámonos entón cun logo e consecuentemente unha identidade corporativa renovada, onde se mantiveron os valores, conceptos e cores engadindo o vermello terrizo, que entra para dar vida e representar aspectos que no anterior quedaban relegados, como a pedra, a montaña, o patrimonio, a artesanía,… E simplificouse a parte tipográfica para facela mais versátil e atemporal, conservando os valores… sobre todo o dinamismo (coa disposición), a proximidade (sendo unha tipografía informal) e o toque artesán, tradicional ou auténtico coa caligrafía. En definitiva este novo logo representa os principais atractivos da Mariña Lucense: mar e terra, costa e interior, montaña, natureza, paisaxes, patrimonio cultural,… Un destino auténtico, versátil e inexplorado que acolle recursos e xentes únicas. Con este logosímbolo e a identidade corporativa, a nova web que se presentará ao longo deste 2019, así como o diferente material promocional que se edite e as distintas accións que se fagan queremos transmitir que A Mariña Lucense e a súa xente é un destino que merece moito a pena descubrir, sexa cal sexa a época do ano”.

Exit mobile version