Site icon Crónica3.com A Mariña

“A voltas co Xuíz de Paz e o Concello sen varrer”, por Mario Pillado Mon

Chegamos ó punto final da lexislatura. No noso concello, en Burela, é como se se conxelara o tempo. En catro anos non se produciu ningunha transformación. En ningún ámbito. O mais salientable en termos políticos son as promesas incumpridas do goberno local do PSOE e a lea bipartidista de sempre que manteñen co PP.
A última, unha lea polo posto de Xuíz de Paz do novo candidato dos populares nestas próximas elección. Moito fume, discursos moi duros e graves acusacións entre eles, pero no básico, como se soe decir, “non se roen”. Os orzamentos nestes catro anos foron completamente continuistas cos do anterior goberno do PP. E isto é así porque os servizos básicos, véxase abastecemento de auga, xestión de residuos, limpeza viaria…, atópanse privatizados, sen ter en conta o custe que iso supón, que afoga a capacidade de inversión do concello (300.000€ dos 7M€ de orzamentos).
A promesa do goberno local era remunicipalizar eses servizos, pero en catro anos desaproveitaron tódalas oportunidades que tiveron, faltando gravemente á súa palabra. Nin tocaron o servizo de abastecemento da auga e acaban de aprobar un contrato a catro anos, hipotecando o futuro goberno, para a xestión de residios e limpeza viaria e de praias. Non se plantexan alternativas, como mancomunalo servizo con outro concello ou traballar porque a Mamcomunidade da Mariña oferte ese servizo. E non o fan porque non teñen esa iniciativa política. Nin máis nin menos.
A postura do Partido Popular é a defensa a ultranza da anterior empresa concesionaria do servizo. Cada un dos contendentes no combate bipartidista defende diferentes intereses empresariais, sen preocuparse do interese do conxunto da veciñanza de Burela.
Entre medias, existe unha necesidade social e deportiva do concello, que pasa pola construción dun novo pavillón. O señor Llano estivo durante anos prometendo a obra sen facer absolutamente nada, ata que en Xuño de 2018 o CD Burela FS recibiu a advertencia da Liga Nacional de Fútbol Sala de que o pavillón Vista Alegre non cumpría os requisitos para participar nas súas competicións.
Neste inconvinte dende o BNG vimos unha oportunidade para dotar a vila dunha nova instalación válida para todo o tecido social e deportivo da vila, que satura as instalacións existentes. Logo da nosa iniciativa e o unánime acordo plenario, tanto no Concello de Burela coma na Deputación de Lugo, o goberno local seguiu enganando á veciñanza, falando dos terreos, ensinando nas institucións unha memoria de seis follas que para nada é un proxecto válido; pero agora anuncia a remoldelación de Vista Alegre para adaptarse ás esixencias da LNFS, deixando para mais adiante a nova obra.
Neste tema o PP tamén se mostrou moi belixerante de inicio, pero logo pactou os orzamentos da Deputación de Lugo co PSOE sen un so euro consignado para o novo pavillón e a Xunta de Feijóo nin se pronunciou nin consignou tampouco partida algunha para este proxecto. Como escribía antes, non se roen.
Do mesmo xeito que a Xunta do PP marxina a Burela coa nova EDAR, outra promesa do PSOE, por non termos un goberno popular. Sen embargo, o señor alcalde limítase a retrasalos prazos sen que se lle vexa moi preocupado por esta cuestión, que non deixa de ser un problema medioambiental de primeira magnitude
En definitiva, catro anos perdidos, catro anos sen avances, catro anos enganando á veciñanza. Ése é o balance do goberno do PSOE e de Alfredo Llano, exactamente igual que o anterior goberno popular.

Mario Pillado Mon
Portavoz Municipal do BNG en Burela

Exit mobile version