Lugo, 20 de marzo de 2019. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a administración autonómica xa finalizou a tramitación urbanística que serve de base para autorizar a ampliación do polígono industrial da Pontenova.
Balseiro aclara que desde o pasado 13 de marzo, o Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia xa publicaba a modificación das normas subsidiarias neste ámbito, un paso decisivo, posto que desde este momento o Concello xa pode outorgar novas licenzas a empresas interesadas.
Desde o Goberno galego defenden ademais, que todo este proceso efectuouse con axilidade, xa que logo a autorización definitiva outorgouse en oito días laborais desde que tivo rexistro de entrada en Lugo a petición de modificación das normas subsidiarias e tras efectuar nese tempo os traballos de supervisión da documentación presentada.
Balseiro desminte así a información facilitada polo Concello que, en días pasados aseguraba que este trámite estaba pendente e, polo tanto, o Concello xa pode desde o pasado día 13 conceder novas licenzas ás empresas interesadas na ampliación do polígono.
A modificación urbanística puntual, que afecta a un ámbito dunhas 16 hectáreas, completa a parte urbanizada do parque empresarial da Pontenova, ampliándoo cara ao sur en espazos que tiñan unha clasificación incompatible cos usos industriais.
Agora, de conformidade co disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual das normas subsidiarias aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.