Site icon Crónica3.com A Mariña

Actividades sobre o ourizo en Cervo

Cervo 11-3-19. Unha serie de actividades educativas e de divulgación ambiental sobre o ourizo de mar que están a ter lugar hoxe e mañá no CEIP Península da Paz, organizadas pola delegación de Medio Ambiente, en colaboración coa ANPA deste centro.

No día de hoxe dous biólogos mariños de Maremasma impartíronlle unha charla ao alumnado de primaria, que tamén contou coa participación da edil de Medio Ambiente, Mali Méndez e que levaba por título “explorando o medio mariño: o ourizo de mar”.

Mañá os nenos e nenas farán unha saída do centro para descubrir os ecosistemas intermareais e o hábitat do ourizo de mar.

Estas actividades están incluídas no proxecto Cervo a carón do mar, financiado polo GALP A Mariña-Ortegal.

Ademais, esta mesma tarde, ás 16:30 horas, como actividade complemetaria á Festa do Ourizo, terá lugar a inauguración da exposición “Áreas Mariñas Protexidas”, que se poderá visitar na Casa da Cultura ata o 26 de marzo.

A mostra foi elaborada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA); e o obxectivo pasa por sensibilizar ao público visitante arredor da importancia do mar e do litoral como patrimonio esgotable e recurso cultural e económico; dar a coñecer a figura das áreas mariñas protexidas como eficar estratexia de conservación do mar e do litoral, e sinalar o papel que cada un de nós pode xogar á hora de inclinar a balanza cara á conservación, ou non, do mar.

A información que se pode atopar estrutúrase en catro bloques: recursos do mar, problemáticas de conservación, a pesca en Galicia e as Áreas Mariñas Protexidas.

Exit mobile version