Site icon Crónica3.com A Mariña

Ata o 2 de setembro permanece aberto o prazo de solicitude do Bono Coidado co que a Xunta apoia ás familias que precisen dun servizo puntual para o coidado dos seus fillos

Lugo, 14 de marzo de 2019.- A Consellería de Política Social mantén aberto ata o 2 de agosto o prazo de solicitude do Bono Coidado, un programa que inclúe axudas directas da Xunta para contratar a unha persoa coidadora da filla e fillo ante necesidades puntuais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Bono Coidado cubre situacións moi variadas nas que a pequena ou pequeno estean enfermos ou non poidan ser coidados pola persoa que o fai habitualmente, ben sexa por doenza do coidador ou por distintas circunstancias puntuais de carácter laboral deste, como poden ser a asistencia a entrevistas de traballo ou a realización de cursos de formación.

Máis facilidades: amplíase á ludotecas
O programa posto en marcha en 2016, presenta como principal novidade na convocatoria deste ano que as nais e pais solicitantes poderán destinar esta axuda económica a pagar o custe dun servizo de coidado infantil non continuado, como por exemplo as ludotecas e outros espazos infantís, a diferenza do que acontecía ata o de agora que se limitaba exclusivamente a servizos domiciliarios.

“Temos que seguir traballando sen descanso para poñer todos os recursos ao servizo das familias que queiran ter fillos, para que ter un fillo en Galicia non sexa un problema, nin familiar, nin económico, nin laboral. Ese é o noso obxectivo”, aseverou.

Nenos e nenas de ata 12 anos
O Bono Coidado conta cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros (ampliables para atender todas as solicitudes que se reciban) e del poderán beneficiarse as persoas con nenos e nenas menores de 12 anos que residan en Galicia e que conten cunha renda da unidade familiar que non supere os 45.000 euros ou os 13.500 euros per cápita.

A Xunta subvencionará un máximo de 80 horas por familia para o totalidade do período de vigor da convocatoria, que cubrirá os servizos recibidos entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019. O número de horas incrementarase un 15% por cada nena ou neno menor de doce anos.

A contía da axuda estará determinada polos seguintes tramos segundo a renda per cápita familiar: ata os 3750 euros obterán unha axuda de 14 euros por hora de servizo a contratada, ata os 7.500 euros será de 11 euros por hora, as familias con renda per cápita ata os 10.000 euros terán unha achega de 9 euros por hora de coidador e para aquelas de máis de 10.000 euros, e sempre que non supere o tope establecido, a subvención por hora de servizo de coidador contratada será de 7 euros. Ademais, as mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a contía máxima da axuda con independencia da renda per cápita familiar.

Un procedemento máis áxil
O Bono Coidado foise mellorando progresivamente, para axustarse ás necesidades das familias. Por exemplo, na actualidade os proxenitores poden inscribirse cando se abre a convocatoria nunha bolsa de horas, que contempla un máximo de 80 salvo en familias con máis dun fillo, nese caso elévase a 92.

O abono da axuda farase efectivo logo de achegarlle á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente a solicitude e as facturas orixinais da contratación do servizo acompañadas do xustificante bancario que acrediten o seu pagamento, aínda que tamén se aceptará a xustificación do pagamento en efectivo do servizo mediante un recibín do coidador. Deberase presentar tamén xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda.

Con esta nova convocatoria do Bono Coidado, a Xunta continúa a poñer a disposición das galegas e galegos ferramentas que faciliten a conciliación da vida familiar e laboral. De feito, esta medida súmase a outras que teñen este mesmo propósito como son o Bono Concilia, o aumento de prazas públicas de 0 a 3 anos en escolas infantís, as Casas Niño no rural ou o financiamento da construción e posta en marcha de escolas infantís en polígonos industriais.

Exit mobile version