Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrado este venres en Mondoñedo con motivo do Día Internacional da Muller, un acto no que se presentou o cuarto panel da exposición permanente ‘A historia de Mondoñedo leva nome de muller”

Mondoñedo 8-3-19. A exposición ‘A historia de Mondoñedo leva nome de muller” dedícase a todas aquelas mulleres representantes do pasado, presente e futuro de Mondoñedo que dunha forma ou outra resultaron ser pioneiras na historia local. Iniciada no ano 2017, cada ano únese un novo panel que, xunto cos anteriores, estarán expostos durante o mes de marzo na entrada da Casa do Concello e o resto do ano nas instalacións do Centro de Información ás Mulleres.
Este ano dedícase a Remedios Muruais Carballosa (mestra), Remedios Espantoso Rubiños (deseñadora), Sara González García (enxeñeira química) e Carmen Pavón Souto (estudante).
O Concello de Mondoñedo, a través do CIM, continúa a organizar actividades durante este mes de marzo. O día 15 de marzo terá lugar a entrega de premios do concurso de debuxo ‘Debuxando en Igualdade 2019’, no Salón de Actos do Concello de Abadín, ás 11:30 horas. Como cada ano, o CIM de Mondoñedo, convocou entre o alumnado dos centros educativos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto, (concellos cos que existe convenio de colaboración de prestación de servizos en materia de igualdade), este concurso de debuxo no que o alumnado presentou unha obra artística na cal reflexan a igualdade entre mulleres e homes. De igual xeito, ao longo do mes de marzo terá lugar nos centros educativos dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto unha serie de charlas-coloquio durante as que se falará da evolución dos dereitos da muller e nas que as protagonistas serán mulleres que pola súa idade e vivencias son testemuñas vivas dos cambios producidos nos últimos cincuenta ou sesenta anos.

Exit mobile version