Site icon Crónica3.com A Mariña

Centos de persoas asistiron ao acto de portas abertas da residencia de Foz, instalacións que tamén poderán ser visitadas ao longo desta semana

Foz, 18 de marzo de 2019. Centos de persoas asistiron esta tarde ao acto de portas abertas da residencia de maiores e centro de día de Foz, instalacións que tamén poderán ser visitadas ao longo desta semana.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, deu a benvida a “este pequeno acto de portas abertas da residencia e centro de día de Foz” e agradeceu a presenza “do delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro; de concelleiros da corporación municipal; de responsables da empresa IDEA, que vai xestionar este centro durante estes dous próximos anos máis outros dous de prórroga que están contratados co Concello de Foz; de membros do Padroado do asilo e residentes, que serán os primeiros usuarios destas instalacións; e de membros das diferentes asociacións cívicas, culturais, sociais e deportivas do concello de Foz”.
O rexedor municipal salientou que “como alcalde de Foz é un verdadeiro pracer ter esta convocatoria, hoxe é un día importante para este concello porque estamos moi cerca xa de abrir estas portas definitivamente para dar este servizo tan demandado polos veciños de Foz. Isto é froito de moito traballo de moita xente pois todo o pobo unido demandou esta infraestrutura e afortunadamente a Xunta de Galicia, por medio do Consorcio Galego de Benestar, encargouse da construción deste edificio e do equipamento”.
Castiñeira engadiu que o inmoble “é moi funcional, con capacidade para 40 residentes en dúas plantas e outras 40 prazas para usuarios do centro de día”.
O alcalde tamén comentou que “durante esta semana haberá xornadas de portas abertas, a empresa IDEA xa está instalada aquí desde hai varios días para facer a posta a punto de moitos equipamentos e está practicamente todo listo. E teño que felicitalos porque fixeron un labor importante con comerciantes, empresarios e industriais de Foz, que fixeron pequenas achegas para mellorar aínda máis incluso este equipamento, o cal loxicamente agradecemos desde todas as administracións porque non deixa de ser un compromiso máis de toda a xente deste pobo”.
Javier Castiñeira especificou que o edificio “ten 4 plantas: unha delas é semisótano, onde está a zona de servizos como vestiarios, ximnasio de rehabilitación e as zonas de administración e médica; a planta baixa, onde está o comedor, diferentes salas do centro de día e a cociña; e despois hai as dúas plantas para residentes, que a primeira chámase Rapadoira en homenaxe á nosa praia do centro urbano, e a segunda é a Llas, en homenaxe á praia de Marzán, onde estamos. É un centro totalmente equipado con aspecto de fogar para os nosos veciños e veciñas, que van ten prioridade no acceso a esta residencia, para o que se fixo unha ordenanza municipal recentemente aprobada. E ademais convocouse unha liña de axudas de máis de 200.000 euros por parte do Concello para todas aquelas persoas que non teñan capacidade económica suficiente; xa se poden xestionar a partir de agora tanto no centro social como aquí, na propia residencia, coa empresa IDEA”.
No acto tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; o director xerente da empresa IDEA, Rafael Moreno, e a responsable da residencia, a focense Fátima Fernández.

Exit mobile version