Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “8 de marzo: a organización espontánea da sociedade”, por Pablo Álvarez Ramos

O vindeiro venres está convocada unha nova folga cuxo seguimento se prevé masivo.
O motivo de reivindicación: o recoñecemento de paridade para o colectivo feminino, a busca da xustiza no tocante ás mulleres.
A canle pola que se lle dará curso a tal expresión é o da folga.
Non se trata, nin máis nin menos, que da organización espontánea da sociedade. De abaixo até arriba.
Xa dixemos, a canle pola que discorrerá esta petición será o da folga, porque dende hai tempo sabemos que a creación de riqueza e a xustiza social son consecuencias directas e inherentes ao traballo. Cando se interrompe o traballo prémese o freo de man civilizatorio, prodúcese unha parálise do sistema e, coma sempre, é imprescindible someternos a unha situación de estrés para redefinir o que somos.
Por esta mesma razón, aínda que xa van séculos de propaganda sensu contrario, a democracia non pode ser representada, as obrigas non se poden delegar, a xustiza só pode ser unha construción colectiva na que se confronta a propia sociedade.
Por este mesmo motivo o feminismo tan só é unha cara dun poliedro social no que se integra a xustiza laboral, a libre circulación de migrantes, o ecoloxismo, o acceso á educación, os grupos raciais sometidos, o dereito á información, as reivindicacións das culturas minoradas, a liberdade sexual… Todas e cada unha destas partes integran un corpo que se chama economía.
Máis aló das peticións concretas das mulleres, se a folga é a ferramenta democratizadora nun sistema produtivo baseado no traballo e no capital, haberá que preguntarse porqué a taxa media de afiliación sindical en España é dun 19 % cando nos países escandinavos excede folgadamente do 70 %.
Feminismo e movemento obreiro conxugáronse na fundación no ano 1934 na Barcelona ácrata do grupo Mulleres Libres. En pouco tempo pasarían a ter 147 agrupacións locais e 21.000 mulleres afiliadas.
O que máis chamaba a atención sobre este grupo foi a formulación sobre a problemática da muller con temáticas que abranguían dende a abolición da prostitución, a educación mixta, comedores ou garderías populares ou o amor libre.
Dende os seus comezos reclamaron a importancia da incorporación da muller ao traballo asalariado, realizando múltiples actividades de retagarda: dende a alfabetización até a capacitación para o traballo en todos os sectores laborais. E para que esa incorporación non fose unha dobre carga puxeron en marcha garderías e comedores populares nos lugares de traballo.
Este venres 8 de marzo, non se enganen, non só se trata das mulleres, senón da fixación dun novo concepto de xustiza a través da organización espontánea da sociedade. Toca tomar partido.

Exit mobile version