Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega fará realidade a mellora do Pepe Barrera no segundo semestre do ano se sae elixido alcalde

Ribadeo, 13 de febreiro de 2019. O deputado e candidato popular Daniel Vega, de saír elixido como alcalde, comprométese a facer realidade a mellora do estadio municipal Pepe Barrera no segundo semestre deste ano.

Vega asegura que os deportistas locais usuarios do estadio non merecen seguir soportando unhas instalacións que levan anos en malas condicións esquecidas polo actual Goberno local, que só parece reaccionar cando quedan poucos meses para as eleccións.

Para o candidato o Concello non necesita agardar máis para iniciar o proceso de contratación desta obra (licitación e adxudicación) e sinala que existen recursos suficientes para acometer estes traballos.

“Como alcalde farei realidade a mellora do estadio e farémolo con cargo ao Fondo de Cooperación Local da Xunta, polo que Ribadeo recibe anualmente 425.000 euros, unha cantidade que nos permite afrontar en solitario a obra sen esperar a caridade de ninguén”-dixo

Vega asume este compromiso co conxunto da veciñanza de Ribadeo pero moi en particular coa SD Ribadeo e cos rapaces das escolas deportivas do Ribadeo FC que están cansos de reivindicar un estadio mellor, e que merecen solucións inmediatas, como as que hoxe quere comprometer.

Vega reclama ademais celeridade ao actual alcalde de Ribadeo para que non se perdan os 46.000 euros adicionais que a Xunta propón investir de inmediato nestas instalacións para acometer aquelas melloras de maior urxencia que se acorden coas entidades deportivas locais.

Exit mobile version